Moda galega para o comezo do curso

No Colexio Maior Arosa non todos os anos empezamos o curso con tanto glamour. Este tivemos a sorte de contar cunha invitada que é un referente no mundo da moda: Adriana Domínguez, a Conselleira Delegada de Adolfo Domínguez.

A tarde do luns 14 de outubro estivo salpicada de momentos moi especiais como foi o ambientado na zona de habitacións onde nos intercambiamos tantos modelos, zapatos, medias, máscaras, rímel… que chegou un momento no que todas perdemos a noción da propiedade: todo era de todas xa que había que lucir ben esa tarde. O nerviosismo ía en aumento e o reloxo avanzaba.

Quedaramos en que ás 20 horas cada unha estaría no seu posto. A unhas tocáballes o roupeiro onde se encargaban de ir dando unha ficha aos asistentes ao colgarlles o abrigo e o paraugas, que o día viña chuvioso; outras estiveron a intercambiar ideas sobre o son; outras poñendo o climatizado, as cadeiras, os micrófonos, a auga... En media hora o salón de actos estaba a punto e xa fora chegando xente e máis xente: universitarios, familias, profesores da USC...

Aí estaban os membros da mesa presidencial: Víctor Arce, o Vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da Universidade de Santiago; Carmen Pomar, Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional; Ana González Bustelo, presidenta do Padroado do Colexio Maior; Elena Ferrer, a directora, e Adriana Domínguez, a filla de Adolfo Domínguez que ía pronunciar a lección maxistral na que baixo o título "Galicia, a orixe" contaría a evolución da súa empresa.

Abriu o acto Víctor Arce e deulle a paso a Elena Ferrer que dedicou as súas mellores palabras ás residentes: "En primeiro lugar diríxome a vós, residentes novas e ás que levades xa un ou máis anos neste Colexio Maior. A todas tocouvos vivir a universidade neste momento concreto no que a sociedade mellorou tanto en temas de diversidade, inclusión da muller… Un momento único no que "parece" que en todas as frontes téndennos alfombras vermellas... Está claro que debe de ser o noso momento".

Animoulles a poñer a mirada feminina en todo o que fixesen: unha ollada rica en creatividade, en acollida, en intuición, en facer casa ata do lugar mais inhóspito… unha mirada que acabará sendo moi cotizada por tratarse dunha forma distinta de percibir.

A Decana da Xunta Colexial, Belén Fariña, -estudante de enfermería- leu despois a Memoria de Actividades do curso 2018/2019, rica en sesións, visitas culturais, viaxes, deporte, etc.

Ao rematar presentou a Adriana Domínguez que impartiu a conferencia "Galicia, a orixe". Unha sesión na que nos contou con gran capacidade de comunicación a evolución da empresa Adolfo Domínguez nestes últimos anos. Foi unha intervención dinámica, acompañada de vídeos, imaxes e sobre todo contada coa forza de alguén que está entusiasmada con este proxecto. Iso foi o que percibimos no público: unha persoa entregada ao seu traballo, no que cree e transmite con gran autenticidade. Por iso foi unha conferencia que conseguiu conectar coa diversidade do público asistente.

Nos últimos anos Adolfo Domínguez está a despuntar como empresa téxtil grazas a que está a afianzar a marca nunhas liñas claras e convincentes: roupa de calidade, que senta ben, que marca estilo…. E que ten as súas raíces en Galicia onde hai unha gran empatía con esta empresa. Puidemos comprobalo no vídeo do último desfile que organizou Adolfo Domínguez en Ourense. Deixámosvos o enlace para que poidades velo:

Despois da conferencia, a Conselleira de Educación, Carmen Pomar, animou a todas as residentes a aproveitar os anos de estancia no Colexio Maior [unha iniciativa educativa do Opus Dei] para formarse nos distintos ámbitos da formación integral que ofrece o mesmo. O Vicerreitor, Víctor Arce, pechou un acto sobre o que os asistentes seguiron falando arredor dun viño.