A última hora da tarde de onte, o Papa Francisco nomeou prelado do Opus Dei a Mons. Fernando Ocáriz Braña. O Santo Pai confirmou a elección realizada polo terceiro congreso electivo da prelatura no mesmo día.
Con este nomeamento, Mons. Fernando Ocáriz, que até o momento era vicario auxiliar do Opus Dei, convértese no terceiro sucesor de san Xosemaría á fronte da prelatura, tras o falecemento de Mons. Xavier Echevarría, o pasado 12 de decembro.
Mons. Fernando Ocáriz naceu en París, o 27 de outubro de 1944, fillo dunha familia española exiliada en Francia pola Guerra Civil (1936-1939). É o máis novo de oito irmáns.
O Santo Pai confirmou a elección realizada polo terceiro congreso electivo da prelatura no mesmo día.
É licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Barcelona (1966) e en Teoloxía pola Pontificia Universidade Lateranense (1969). Obtivo o doutoramento en Teoloxía, en 1971, na Universidade de Navarra. Ese mesmo ano foi ordenado sacerdote. Nos seus primeiros anos como presbítero dedicouse especialmente á pastoral xuvenil e universitaria.
É consultor da Congregación para a Doutrina da Fe desde 1986 e doutros dous organismos da Curia romana: Congregación para o Clero (2003) e Pontificio Consello para a Promoción da Nova Evangelización (2011). En 1989 ingresou na Pontificia Academia Teolóxica. Na década do oitenta, foi un dos profesores que iniciaron a Universidade Pontificia da Santa Cruz (Roma), onde foi profesor ordinario (agora emérito) de Teoloxía Fundamental.
Entre as súas publicacións teolóxicas destacan libros sobre cristología, como The mystery of Jesus Christ: a Christology and Soteriology textbook; Fillos de Deus en Cristo. Introdución a unha teoloxía da participación sobrenatural. Outros volumes tratan temas de índole teolóxica e filosófica como Amar con obras: a Deus e aos homes; Natureza, graza e gloria, con prefacio do cardeal Ratzinger. En 2013 publicouse un libro entrevista de Rafael Serrano baixo o título Sobre Deus, a Igrexa e o mundo. Entre as súas obras hai dous estudos de filosofía:O marxismo: teoría e práctica dunha revolución; Voltaire: Tratado sobre a tolerancia. Ademais, é coautor de numerosas monografías, e autor de numerosos artigos teolóxicos e filosóficos.
Desde 1994 é vicario xeneral do Opus Dei e en 2014 foi nomeado vigairo auxiliar da prelatura. Durante os últimos 22 anos acompañou ao anterior prelado, Mons. Xavier Echevarría, nas súas visitas pastorais a máis de 70 nacións. Nos anos 60, sendo estudante de Teoloxía, conviviu en Roma con san Xosemaría Escrivá, fundador do Opus Dei. Desde mozo é afeccionado ao tenis, deporte que segue practicando.
Nos próximos días, o novo prelado proporá aos congresistas os nomes dos seus vigairos, así como o dos demais novos membros dos consellos que lle asistirán durante os próximos 8 anos.