E a maxia funcionou!

Joseba é profesor. Durante o confinamento atendía ás clases en liña e, sen poder saír da casa, tivo momentos libres que aproveitou para retomar a súa afección polos trucos de maxia cos que moitas familias estiveron entretidas.

Joseba, o protagonista desta historia, é profesor no colexio Montecastelo de Vigo

Os xogos de cartas son unha das miñas afeccións. Desde cando? Ben, dende 1961... Nacín ese ano! Ata hai uns meses era algo que facía, con máis ou menos éxito, nalgunhas reunións familiares e nalgunha outra ocasión especial. "Aquí temos unha baralla e imos ver que pasa." Así empezaba. Unha desas ocasións, que desexaba que chegara, era a fin de semana de principios de curso que pasaba con pais e alumnos do meu curso... Como se deduce disto son mestre e traballo en Montecastelo, un colexio de Vigo.

Durante o confinamento impartín ás clases en liña. Non podía saír da casa e tiña algúns momentos libres. Tampouco podía saír a facer fotos, outra das miñas afeccións, e dediqueime a practicar un pouco a maxia.

Por outra banda, vin moitas iniciativas de xente facendo cousas para entreter e axudar aos demais. Un compañeiro do colexio publicou un vídeo facendo receitas de cociña cos seus fillos. Pareceume espectacular!

O 1 de abril, o meu aniversario que aínda sigo celebrando, fixen un vídeo cun truco de maxia. A idea era agradecer os parabéns que recibira de familiares, amigos, compañeiros de traballo, pais de alumnos, antigos alumnos ... É o único no que se me ve. No resto so as mans e o tapete. E a maxia funcionou! Tivo unha gran acollida!

Emocioneime. Pensei que o que facía axudaba a pasar uns minutos máis levadíos durante o confinamento. Fun facendo un vídeo cun truco cada semana. Ensaiaba entre semana, os venres pola tarde gravaba e o sábado publicábao. Non fai falta un material moi sofisticado: trípode, cámara de fotos ou teléfono e un ordenador para poñer a música e engadir a introdución e a despedida.

Era un reto novo. Cando fas un truco en directo, co público diante, se te equivocas, cun pouco de graza e caradura arránxalo se fai falta, aínda que a maior parte das veces a gran maioría nin se decata. Pero cando o gravas coa cámara encima do tapete... nótase todo! Poden darlle cara atrás á gravación e se hai un erro nótase moito. Curiosamente en trucos que fixeches case cos ollos pechados moitísimas veces cando os ves en vídeo caes na conta de que cometes erros. Ás veces pode ir todo ben e no movemento máis sinxelo hai un erro. Iso fixo que nalgún caso tivese que repetir a gravación unhas cantas veces.

De todas as maneiras vin que aquilo do truco era divertido, non só para min senón para os que o vían. O que máis me enchía de alegría era que a xente gozaba véndoo. Algúns ían contando onde pensaban que estaba o truco. Aos poucos fun aprendendo novas técnicas coas que puiden facer trucos novos.

Ao mesmo tempo foi aumentando a xente que recibía os vídeos xa que moitos os reenviaran a outras persoas. Aí é cando un dáse conta do que son as redes sociais e ata onde poden chegar. Non se limitaba a España. Por motivos de traballo tiven a ocasión de viaxar, dar cursos e asistir a congresos en varios países de Europa e América. A maxia non ten fronteiras: Italia, Irlanda, Portugal, Polonia, Ecuador, Perú, México...

A algún debíalle chegar cando estaba a durmir... Agardo que me perdoara! Algún sábado, despois de enviar o truco ás redes sociais, atopábame con 150 mensaxes.

Grazas ao envío do truco recuperei o contacto con persoas das que non sabía nada desde facía moito tempo. Algunhas desas coas que tes relación por motivos profesionais, quedas co teléfono ou o correo electrónico pero non volves a falar con elas. Alegrábanse de ter noticias miñas. Tamén me decatei de que algúns están a pasar por situacións difíciles debido á pandemia, xa sexa por familiares afectados (mesmo falecidos), ou outros problemas. O envío do truco era a desculpa para falar, para rezar por eles, para encomendar as súas cousas a San Xosemaría, para tentar animarlles.

Un contotruco ou un trucoconto

A idea era entreter, proporcionar uns minutos de "desconexión", facilitar unha ocasión de falar. Algúns dicían: "Imos velo pola tarde, todos xuntos, cos nenos". Outros comentaban o truco tentando adiviñar como se facía: "Pois aquí fas algo que me chama a atención...". O pai dun exalumno envioume un vídeo do seu fillo facendo trucos de cartas aos seus irmáns máis pequenos... Pode haber satisfacción máis grande? Outros se me atrasaba da hora á que adoitaba compartir o truco dicíanme: Que pasa? Non hai truco esta semana?

Emocioneime tanto que fixen cousas un pouco diferentes. Como O trasgo Simón que é un truco con conto, un contotruco ou un trucoconto. Non se me dan ben os contos así que lle pedín a unha compañeira de traballo que, baseándose nunhas cartas, escribise unha breve historia. Fíxoo e así xurdiu este truco dedicado a todos os nenos e, en particular, aos meus alumnos.

A miña irmá, que tamén é profesora, pediume outro truco para os seus alumnos. Tiña que ter animais. Pois que mellor que o arca de Noé?. Con cartas impresas na casa e outras que xa tiña xurdiu o truco. A historia está contada con trucos e ten bastantes efectos. Parecíame didáctica para os nenos aos que ía destinado que eran moi pequenos. Tivo bastante éxito porque ía incluído nas tarefas que tiñan que facer e non tiveron máis remedio que entrar na canle para velo...

Agora baixei un pouco a "produción" de trucos pero sigo cos envíos. Pásoo moi ben facéndoos, pero o mellor segue sendo todas as persoas coas que teño ocasión de falar ou escribirme, algunhas que vexo con frecuencia e outras coas que a distancia impide facelo. Resultaron ser uns trucos de cartas moi produtivos.