Conversas de novela que axudan a facer familia

«Máis dunha persoa que leu a novela díxome que lle está axudando moito nas relacións entre ela e o seu marido», asegura a doutora viguesa Isabel Coma autora da novela «O marido de Carlota». Para esta cardióloga e escritora «a boa literatura é a que chega ao corazón e aos afectos».

Isabel Coma asina un dos exemplares da súa primeira novela, "O marido de Carlota", que presentou en Vigo

Toda a súa vida virou en torno ao corazón, o músculo máis importante do noso corpo. Sempre lle gustou a literatura. E con ela quere chegar ao corazón das persoas. Antes coa medicina e agora coas letras. Cre que si un relato non emociona, non é bo. Felizmente xubilada, desde setembro de 2018, esta viguesa goza do seu tempo escribindo e lendo. A súa peripecia profesional tamén a nutriu de experiencias para facer literatura, co seu brillante currículo, primeiro como estudante e logo cardióloga e catedrática. Agora é o seu momento expansivo-literario. Con motivo da presentación da súa primeira novela en Vigo, O marido de Carlota, Diario Luso-Galaico conversa con Isabel Coma para descubrir a súa vocación literaria así como os seus dous libros xa nas librerías.

A doutora Coma entra nas cuestións suscitadas coa sinceridade dunha navarra, quizá porque traballou na Clínica de Navarra durante anos e algo se lle pegou. Non mira a cámara, pero é franca. Só sorrí cando recorda o seu primeiro libro co cirurxián cardíaco Rafael Hernández Estefanía. A súa sinxeleza sorprende. Isabel Coma, Numeraria do Opus Dei, veu para falar do seu libro, pero non se lle ocorreu traer un. ¡Non pasa nada!

A conversa comeza co libro que presentou en Vigo na biblioteca da Escola de Artes e Oficios. Sitúa a novela O marido de Carlota (Editorial Onuba) entre os anos 1944 e 1948, na posguerra española. Carlota é a maior de catro irmás. A súa irmá maior xa está casada. Ela, en cambio, permanece solteira. «É unha época na que a muller non estudaba unha carreira universitaria e non se valía por si mesma na vida», contextualiza.

E métese no argumento: A nai de Carlota convéncea para que se case con Ramiro, o irmán de Javier que foi o seu noivo e que desapareceu durante a guerra. Non se sabe si morreu. Ela, finalmente, accede a casarse con Ramiro, aínda que non está namorada del. Trala voda, vanse de viaxe de lúa de mel e vai atopando moitas rarezas en Ramiro: É moi celoso, ten moitas teimas. Entón, ela, nalgúns momentos, arrepíntese de haberse casado con el. Á vez, «está convencida de que o matrimonio é para toda a vida e que ela ten que tratar de facerlle a vida feliz».

Á volta da viaxe de noivos, ela quédase embarazada. Iso apórtalle a Carlota unha felicidade enorme. E séntese recompensada do seu matrimonio por ter un fillo ao que quere moitísimo.

Chega un momento en que Ramiro empeza a coxear. Carlota lévao ao médico. O doutor non lle atopa ningún motivo para esa doenza. Pero, a realidade é que cada vez coxea máis. Nun momento concreto, Ramiro tropeza coa pata dunha mesa, cae ao chan e dá un golpe na cabeza. Isto fai que ela o leve a urxencias.

No hospital transcorre unha parte da novela dándolle voltas para ver que é o que ten «e pasan moitas cousas polo medio». Aparecen amigos da infancia. Un deles é médico e axuda a descubrir a causa da doenza.

A vida real foi para Isabel Coma unha fonte de inspiración para este libro: «Nunha sesión clínica do Departamento de Medicina Interna presentouse o caso dun enfermo con algo do que tampouco había xeito de diagnosticar. Todos os resultados dos parámetros eran normais, pero el atopábase moi doente e incapacitado. Ata que, por fin, dun xeito moi enxeñoso, fíxose o diagnóstico e curou. Isto deume a idea de escribir un libro. Todo é moi distinto a ese enfermo para que nunca se recoñeza».

O PODER DA LITERATURA

Isabel Coma xa recibe o feedback dos lectores. «Máis dunha persoa que leu a miña novela, O marido de Carlota, díxome que lle está axudando moito nas relacións entre ela e o seu marido. Gran parte da novela son diálogos entre Carlota e Ramiro, como a Carlota hai cousas que non lle gustan, pero trata de comprendelo. É bonito ver como se relacionan entre eles e como vence a bondade de Carlota que é unha muller fantástica, moi boa», di Isabel do seu personaxe.

Coma cre «moitísimo» na influencia da literatura. E concreta: «A boa literatura é a que chega ao corazón, aos afectos. Si un libro non emociona é que non é moi bo, aínda que sexa moi verídico. Pode ser un relato histórico fantástico, pero non é unha novela. Unha novela é a que che causa emoción e na que te pos ao lado dun ou outro personaxe. Inflúeche no xeito de comportarte. Creo que a literatura pode cambiar a mente das persoas».

«Eu empecei a escribir un pouco obrigada por un curso de escritura ao que me apuntei. A última clase consistía en pensar o primeiro capítulo dunha novela e explicar un pouco en que consistía o guión. É dicir, como ía ser ata o final», lembra.

O director do curso era o escritor Andrés Barba. «Díxome que eu non tiña nin idea de como ía rematar a novela. Ti non podes sabelo. Xa irás cambiando, cando a escribas. A min iso pareceume unha tontería, pero non o dixen porque el era o profesor». Pero foino vendo conforme escribía O marido de Carlota: «A medida que escribía ianseme ocorrendo cousas novas. Pensara nun desenlace e logo foi outro moi distinto. E a verdade é que foi moi interesante. Eu gocei moito, aínda que, ao principio, pasei momentos de preguntarme como encho este folio, non sei como seguir. Eu remataría no primeiro capítulo. Paréceme que é unha experiencia fantástica».

Entrevista de Roberto Ledo publicada en Diario Luso-Galaico