Compartir tradicións, acoller inmigrantes

Na parroquia de San Caetano, en Santiago de Compostela, por iniciativa do párroco, D. Victor, os segundos sábados de cada mes, convócase un encontro de inmigrantes, coa finalidade principal de sostelos na súa fe.

D. Victor pediunos colaboración a Lucila, cooperadora do Opus Dei, e a mi, Meli, que son numeraria auxiliar . Eu pedín axuda a María Elena que é numeraria auxiliar como eu. Diversas institucións onde acoden a buscar traballo infórmanos tamén destas actividades. Lucila ten 86 anos e é quen leva o peso dos preparativos: manteis, flores... non lle esquece un detalle.

O sacerdote fálalles sobre os sacramentos, a Igrexa, a familia. A continuación participamos na Misa e rematamos cun faladoiro no que cada un achega algún doce ou algo propio da súa terra. Adoitámonos xuntar unhas trinta persoas nos encontros ordinarios. Se celebramos algo especial aumenta o número ata medio centenar.

Con este motivo houbo vodas, bautizos, primeiras comuñóns... Lela veu ao encontro das familias cunhas amigas que acoden habitualmente ás reunións dicindo que se quería casar. O que hoxe é o seu marido viaxou a Paraguai para buscar as partidas de bautismo e confirmación, pero volveu cos seus, os de Lela non os conseguiu. Ela recordaba que lle dixeran que recibira a auga de socorro porque non había sacerdotes no pobo onde vivía. A preparación foi difícil porque ademais dos problemas burocráticos había que dar a Lela a formación necesaria para o bautismo, comuñón e confirmación, sacramentos que recibiu a véspera da voda, e dispoñían de pouco tempo que supliron con moito esforzo asistindo a todas as clases de formación previstas. A cerimonia tivo lugar na capela de Guadalupe; estaba moi bonita, todos colaboraron dalgún xeito, uns achegaron as flores, as amigas regaláronlle o ramo, outros os pendentes... e entre todos se preparou a merenda. O seu fillo maior, de 14 anos, foi quen pediu aos seus pais que casasen; teñen ademais dúas nenas de 8 e 6 anos respectivamente, que frecuentan un centro xuvenil do Opus Dei. Actualmente mantéñense en contacto co grupo aínda que non asisten aos encontros porque non é compatible cos seus horarios de traballo.

A voda de Alex foi a primeira que axudei a preparar, polo que teño un recordo especial. Os trámites foron moito máis doados porque tiña todos os papeis e os fillos eran maiores e axudáronlles moito. Decidiron casar porque, como consecuencia da formación que ían recibindo, se decataron de que lles faltaba a graza do sacramento. Tiñan a ilusión de casar coma se se acabasen de coñecer. O pai de Alex envioulle dende Ecuador con moita ilusión o traxe da voda. Son moitos irmáns e todos asistiron á cerimonia, dende Barcelona, Valencia... solo faltou unha irmá que vive en Ecuador. Alex e Stalin -o seu marido- teñen moita devoción á Virxe de Guadalupe e alí bautizan os netos que van nacendo. Preparamos a celebración entre todos con torta nupcial incluída. Por suposto, tamén asistimos á voda María Elena, Lucila e eu.

Ademais destes sacramentos que supoñen unha ocasión especial, poden recibir sempre que queiran o sacramento da penitencia e teñen dirección espiritual todos aqueles que o desexan.

Todos os anos peregrinamos a Fátima como preparación para o Nadal. Esta viaxe é unha convivencia itinerante, na que se acrecienta a amizade e compártese todo, mesmo as experiencias persoais: favores recibidos da Virxe, testemuños interesantes, etc. En maio facemos romaxe á Virxe, fomos á Virxe da Rocha, á Virxe da Barca, a Covadonga. Tamén peregrinamos en setembro a Lourdes facendo escala en Zaragoza e en Torreciudad e á volta en Covadonga.

Celebramos tamén a festa propia do país de cada un dos inmigrantes que forman parte deste grupo de amigos coa participación na Santa Misa, na que canta o coro que eles forman, e procesión da Virxe que se venera no seu país pois na capela de Guadalupe hai unha imaxe de cada unha delas: temos a Virxe de Paraguai, Ecuador, Brasil, Arxentina, Venezuela, México e a Virxe do Piar, por suposto. Estas imaxes fóronas traendo eles para celebrar a súa festa.

Na capela hai tamén un cadro de san Xosemaría, a quen acoden nas súas necesidades. A Cristina concedeulle varios favores e na última viaxe que fixo a Paraguai levouse estampas coa súa imaxe e a oración para distribuír entre a súa familia e amizades.

Neste ano 2010 mantemos as actividades habituais: encontro dos segundos sábados de mes, celebración especiais, tamén das festas da Obra e, non podía faltar a previsión de facer o Camiño de Santiago, en familia e por etapas, para gañar o xubileu do ano santo compostelano.