A favor da vida

Helvia Temprano é xinecóloga e desenvolveu case toda a súa vida profesional en A Coruña, axudando a nacer a moitos nenos.

Helvia Temprano

Estudei medicina co desexo de exercer en África. Cando facía segundo de carreira coñecín o Opus Dei por unha compañeira que me invitou a unha meditación: impresionoume o modo de expoñer a filiación divina. A continuación participei nun Curso de Retiro, no que fixen moitas preguntas; as respostas encaixaban perfectamente cos desexos que sentía dende había moitos anos: traballar por amor a Deus e aos demais con dedicación total. Ese ano coñecín a San Xosemaría e graváronseme as súas primeiras palabras: comprender, desculpar, perdoar.

Cando estudaba os últimos anos decidín ser xinecólogo pola proximidade coa vida humana nas súas primeiras etapas antes e despois do nacemento.

Ao finalizar na Universidade de Valladolid (España) especialiceime en Barcelona. Recordo que expoñendo o tema "Os inicios da vida humana" unha das asistentas que estaba embarazada decidiu non abortar. Os residentes daban sesións aos futuros pais o que nos permitía establecer unha maior relación interpersoal e aumentar a ilusión ante unha nova etapa. Na illa de Menorca estiven dous anos. Alí iniciamos unha Escola de Nais que tivo boa acollida e onde fixen moitas amizades. 

Sempre traballei na Sanidade Pública e cando me formulei o tema da Tese Doutoral desexaba que fose de utilidade para o máximo número de mulleres. Entón coñecín aos Profs. Erik Odeblad de Suecia e a John Billings de Melbourne, que investigaban un tema Xinecólogico de grande interese relacionado co coñecemento da fertilidade no ciclo ovárico: o único camiño científico para non utilizar anticonceptivos nos casos de ter que aprazar un novo nacemento e de coñecer as mellores condicións biolóxicas para iniciar o embarazo. Dende entón sigo esta liña de investigación.

Esta profesión facilitoume frecuentes ocasións de relacionarme e colaborar con moitas persoas:

- Coas pacientes: Procuro darlles unha información precisa dos beneficios persoais e éticos que leva consigo o respecto á natureza, como coa fecundación comeza unha vida humana irrepetible; o seu crecemento poden seguilo por ecografía e consultarme as súas dúbidas. Establecemos no Hospital Teresa Herrera, por primeira vez en Galicia, a preparación para o parto (Educación Maternal). As matronas rurais foron pioneiras ao realizala nos seus lugares de traballo.

Comprobei que moitas pacientes con problemas de reprodución eran incluídas en fecundación in vitro. Formuleime a preparación profesional en microcirurxía tubárica que realicei en Lyon (Francia): isto permitiume obter embarazos, onde a única alternativa ofrecida fose a fecundación in Vitro, e evitando moitas perdas embrionarias.

Na consulta tamén procuro desenvolver unha efectiva prevención do aborto espontáneo, que aumenta coa idade da muller, dándoos a coñecer as mellores condicións biolóxicas para iniciar unha xestación e coñecendo os parámetros hormonais máis axeitados.

- Con outros profesionais: Ademais de impartir temas nas sesións de residentes, colaboro na organización e participo en Cursos e Congresos que respectan a vida humana. Por primeira vez en Galicia autorizouse no Hospital unha consulta baseada en docencia e investigación establecendo unha rotación coas residentes de matronas do Servizo de Xinecoloxía. A través de conversacións e experiencias comprobei que cambiaron algunhas actitudes profesionais.

"Coñecín a San Xosemaría e graváronseme as súas primeiras palabras: comprender, desculpar, perdoar".

A través da participación nun Congreso de Enfermaría en Santiago de Cuba en 1990 coñecín á Dra. Conchita Morales, que dirixe a Pastoral Familiar en La Habana; preparouse como monitora de fertilidade humana, nos anos do período especial cubano, dando unha mellor alternativa a mulleres que se vían abocadas á anticoncepción ou á esterilización. Actualmente 80 monitores traballan alí con eficacia neste tema.

 - Opinión pública e outras iniciativas: Varias persoas iniciamos ProVida Coruña, con cristiáns non católicos na Xunta Directiva, e desenvolvemos moitas actividades formativas e asistenciais durante estes anos. Hoxe colaboro tamén coa Fundación Rede Nai, iniciativa de axuda ás mulleres con dificultades por embarazos imprevistos.

Recordo unha das chamadas telefónicas: un embarazo inesperado con formulación de aborto. Tiven coa interesada unha entrevista e 9 meses máis tarde recoñeceume ao pasar visita despois do parto. Estaba ela, e todos os familiares, moi contentos da decisión.

Mesmo algúns profesionais que realizan abortos, din que están dispostos a enviarnos ás embarazadas que acoden ao seu Centro para que poidan resolver o seu embarazo en crise durante os 3 días de reflexión que vai establecer o proxecto novo sobre o Aborto en España.

Procuro difundir coñecementos sobre a vida tamén a través do cinema. Dende o ano 2000 celébrase en España a Semana da Ciencia no mes de novembro. No Hospital Universitario coa colaboración da Universidade de La Coruña iniciamos en 2003 un Ciclo de Cinema e Ciencia ao que asisten estudantes universitarios e profesionais sanitarios: por exemplo en 2005 dedicouse á muller investigadora: "Os méritos de Mme. Curie", "Gorilas na néboa" e "Verónica Guerin".  Outras veces o tema foi a dedicación dos pais a un neno enfermo: "O aceite de Lorenzo", a adopción: "Vaite e vive" e o aborto en "Bela" de Eduardo Verástegui. Antes de cada película exponse un tema relacionado rematando cun forum que expresa o impacto recibido. Cada ano temos cuberta a capacidade da sala.

Red Nai é unha das iniciativas nas que colabora Helvia.

Outro modo de colaboración son as entrevistas en xornais, radios, ou TV, de distinto signo ideolóxico, que adoitan ser unha ocasión de debater con profesionais de distintas opinións, e que remata xeralmente nunha relación cordial.

Penso que informar de forma científica sobre a orixe da vida é unha grande axuda para difundir a cultura da vida na sociedade.