Xuntos por África e o burato 17

Unha simpática discusión entre catro amigos de Vigo deu paso a un campionato solidario de golf. Agora son case 150 os golfistas que apoiaron CHEP, o proxecto de saúde materno-infantil que Harambee está a impulsar en Kenya.

Fernando García Bermejo, un dos organizadores e colaborador de Harambee define o maior éxito do Torneo: "Foi un inmenso pracer poder organizar un ano máis este campionato. Grazas aos 144 xogadores por facer posible este soño. O esforzo valeu a pena!".

Desde os primeiros anos da década dos sesenta, cando se comezou a practicar o golf nas instalacións do Real Aero Club de Vigo, sempre estivo moi relacionado co mundo da aviación. Con algunhas rúas do campo apenas separadas da pista do aeroporto, as chegadas e saídas de avións apenas distraen aos xogadores, xa habituados a estas circunstancias.

Será por isto ou pola forza da solidariedade un grupo de amigos golfistas leva varios anos enviando axuda a África. No último torneo, celebrado en outubro de 2019, recadaron 4.000 euros que se destinaron ao programa CHEP, o proxecto de saúde materno-infantil, de Harambee en Uganda.

Vigo é un lugar que se adapta a todos os terreos, e os vigueses son xente de terra, mar e aire, polo que se entende mellor este empeño no apoio a África.

Historia do campionato "Xuntos por África e o burato 17"

Todo empezou fai oito anos, no campo de golf de Meis. Un bo día, en pleno campionato, Fernando, José Ramón, Gonzalo e Esteban, saíndo do burato 17 atopáronse cun problema ante a interpretación dunha das regras do xogo. Un deles, lanzara a bola e resultou que á dereita do burato había un lago. Segundo as regras do xogo cando isto sucede pódense elixir dúas opcións, pero non conseguiron poñerse de acordo, máis ben ao contrario: canto máis trataban de clarificar a xogada, a discusión aumentaba. Nada conformes, semana tras semana encerellábanse nunha discusión sen aceptar solución algunha.

Como bos amigos que eran, en lugar de enfadarse, decidiron crear o "Campionato do burato 17- Harambee". Unha das condicións era que o lugar onde se celebrase o campionato, o burato 17 sempre debía ter auga. E outra condición: o torneo sería solidario. Empezaron con ceas benéficas, e aos poucos foise difundindo o torneo, de maneira que no último participaron 144 xogadores.

O termo coloquial africano Harambee, como o noso "todos a unha", é o que practican estes golfistas vigueses que, ademais de seguir o Master de Augusta e tratar de imitar o xogo de Tiger Woods, participan todos os anos neste xa tradicional campeonato.

"50 euros salvan a vida dun neno"

A recadación deste campionato está destinada integramente ao proxecto CHEP que responde a un dos obxectivos de desenvolvemento deste milenio: "Que ningún neno morra por falta de asistencia sanitaria".

CHEP é un programa de asistencia sanitaria a menores, por un período de 10 anos. Moitos nenos padecen anemia, fáltalles ferro e vitaminas e tamén se lles descobren enfermidades crónicas. O programa proporciona asistencia hospitalaria cando é necesario e todas as medicinas.

Case o 50 % dos nenos que viven nos suburbios morren antes de chegar aos 10 anos de vida por non contar con esta asistencia. O seguro deses 10 anos custa 50 euros.

Nos lugares onde se desenvolveu o proxecto a mortalidade descendeu de forma notable. O programa tamén axuda ás mulleres recolledoras de té a previr enfermidades, a usar medidas hixiénicas, cociñar alimentos, etc.

O dispensario, e máis tarde o programa CHEP, xorden como unha necesidade imperiosa na zona de Kiambu (Kenya) onde se traballa con mulleres en distintos proxectos e todas elas con grandes dificultades económicas que lles impiden un tratamento médico.

Este programa busca o benestar da muller e a súa familia. Para a muller un punto esencial é a súa saúde e a dos seus fillos. Sen iso non pode desenvolver a súa capacidade social, nin profesional. Ademais, a saúde está moi ligada á educación, polo que se lles dá unha educación integral de calidade. Os nenos que non están sans non poden aprender.

Kimlea Clinic, situada na área de Lumuru, nos arredores de Nairobi, é unha labor social na que colabora persoal sanitario voluntario, e por iso conseguiuse proporcionar un seguro médico básico por 5 euros, durante todo un ano. Con 50 euros asegúrase a asistencia sanitaria a un neno durante 10 anos.

Grazas aos 144 xogadores por facer posible este soño!

Os organizadores do campionato están moi agradecidos por todo o apoio e os medios prestados por parte do Real Aero Club de Vigo. Tamén polo apoio de tantas persoas que fan posible seguir axudando a Harambee para que cada vez morran menos nenos e máis mulleres africanas poidan facer realidade os seus soños e ter un futuro. É unha ledicia saber que con este pequeno apoio, a súa ilusión e o seu traballo poderán manter ás súas familias e contribuír ao desenvolvemento do país.

Ao finalizar o campionato, durante a entrega dos premios, proxectouse un vídeo sobre algunhas iniciativas de Harambee en África subsahariana, que ano tras ano axuda á sensibilización dos participantes. As palabras de Fernando García Bermejo, un dos organizadores e colaborador de Harambee definen o maior éxito do Torneo: "Foi un inmenso pracer poder organizar un ano máis este campionato. Grazas aos 144 xogadores por facer posible este soño, o esforzo valeu a pena!".

Grazas a @ alfayomegasem por facerse eco da concesión do Premio Harambee á Promoción e Igualdade da Muller Africana á Dra. Kyamummi de Uganda. https:// t. co/ HbPsU3 Bgpc pic.twitter. com/ zbtWJaajxx — Harambee ONGD (@ HarambeeONGD) January 31, 2020