Todo con moderación, excepto coleccionar selos! Así conta a súa afección María José Pedreira, unha apaixonada pola filatelia desde nena. Naceu en Santiago de Compostela, por temas profesionais viviu varios anos en Barcelona e actualmente reside en Vigo.
A Cidade Condal foi un antes e un despois na súa afección xa que alí coñeceu a coleccionistas importantes, expertos que lle orientaron no enfoque da súa colección e asociacións que lle facilitaron participar en exposicións.
Con motivo dunha proposta da asociación de coleccionistas á que pertence, María José lanzouse a reunir selos do Opus Dei e de san Josemaría cos que ilustrar o centenario da Obra, que se celebrará entre 2028 e 2030.
Nesta entrevista explica a colección, de onde nace a súa afección ou como atopa estas pezas únicas por todo o mundo.
Como e desde cando empeza esta afección por coleccionar selos?
Desde pequena sempre coleccionei obxectos, os típicos que coleccionan todos os nenos: adhesivos, cromos, mostras de colonia e tantas outras cousas que xa non recordo. Á vez que mantiña outras coleccións comecei a xuntar selos, pero aos 11 anos, decidín deixalas e seguir só cos selos… E ata hoxe.
Que significado ten para ti o Opus Dei e como decides participar na conmemoración do centenario desta institución a través da filatelia?
Cando vivía en Barcelona asocieime a o Cercle Català de Colleccionisme de Sant Feliu de Llobregat. Esta asociación promove un par de exposicións ao ano sobre temas relacionados con acontecementos relevantes para a cidade.
Neste caso, no ano 2024, Sant Feliu celebrou os 500 anos da Catedral de Sant Lorenç e propúxose render un tributo ao evento organizando unha exposición cuxa temática fose a relixión.

María José con varias persoas amigas que tamén son coleccionistas.
Houbo coleccións relacionadas coa arquitectura e a arte en catedrais españolas e europeas, selos de Nadal, da Virxe María, personaxes históricos, santos, o Camiño de Santiago, etc. A min rapidamente ocorréuseme participar cunha exposición chamada “Camiño ao Centenario do Opus Dei: 1928 – 2028”.
Por que ese tema?
Na miña vida a figura de Cristo sempre foi un faro brillando con máis ou menos intensidade. Nos anos 90 coñecín o Opus Dei e a súa mensaxe non me deixou indiferente: poder converter a miña vida ordinaria en algo santo tocoume profundamente.
Do mesmo xeito que outros temas, o Opus Dei comezou a interesarme e por agora non deixou de facelo. Empecei a reunir selos relacionados coa Obra no ano 2000 cando España emitiu un selo dedicado a san Josemaría conmemorando o 25 aniversario do seu falecemento.
Ao longo dos seguintes anos reunín moito material, pero nunca cheguei a organizalo cos requisitos que esixe unha colección temática. Por mor da iniciativa da asociación de Sant Feliu animeime e, en aproximadamente tres meses, sacando tempo de aquí e de acolá, elaborei un plan que contase a historia do Opus Dei desde os seus inicios ata a actualidade.
Desde a súa fundación en 1928, o Opus Dei medrou e expandiuse levando consigo a idea de que a vida ordinaria pode ser un camiño cara á santidade. É posible contar iso nunha exposición de selos?
Pois si, é posible. Os selos naceron para cumprir unha única función de franqueo, pero pronto apareceu a idea dos selos conmemorativos. Cada país emíteos para mostrar os feitos históricos, personaxes destacados, patrimonio cultural, tradicións, identidade ou natureza polos que se caracteriza. No caso da miña colección non é só un país o que emite selos relacionados co Opus Dei, senón que son países dos cinco continentes.

Iso é lóxico xa que o carácter da Obra é universal e a súa pegada apréciase en todos os continentes. O título que elixín para a miña colección, “Camiño ao Centenario do Opus Dei 1928-2028”, creo que resume ben o contido da colección exposta. Pretendía mostrar o que é o Opus Dei, desde a súa fundación ata a actualidade, destacando en especial a figura do fundador, san Josemaría.
Dividiuse en varios bloques diferenciados: a fundación e a figura do santo; os inicios e a época da Guerra Civil española; o desenvolvemento da Obra e o seu itinerario xurídico; unha parte importante dedicada á mensaxe do Opus Dei; a expansión polos cinco continentes con relevancia especial en Europa, América e Asia polas súas emisións postais; e un último bloque dedicado a mostrar diferentes iniciativas apostólicas no mundo.
Todos estes bloques atópanse ben representados en decenas de selos, cuños e outros artigos filatélicos. Avanzar pola colección selo a selo e páxina a páxina é ir percorrendo a historia da Obra.
Puideches recompilar todo o material filatélico sobre o Opus Dei que existe?
Inxenuamente, no momento en que presentei a colección, pensaba que si, que o tiña todo. Segundo a xente foi véndoa, especialmente coleccionistas, fixéronme ver que me faltaban bastantes pezas.
Aproveito para agradecer a xenerosidade por exemplo de Antonio Soler, un importante coleccionista de Barcelona que, xa rematada a exposición, fíxome chegar varios sobres arxentinos con cuños que descoñecía, ademais doutro material. Aprendín que, definitivamente, unha colección de selos nunca está completa.
Esa paixón polos selos levoute a unirte a unha comunidade de coleccionistas?
A miña colección aumentou e mellorou grazas a que non a fun facendo soa, senón que tiven contribucións de moitas persoas. A miña nai foi a primeira que me comprou un álbum que aínda conservo, un catálogo e ademais subscribiume a unha revista especializada alá por 1994.
Cando apareceu internet a miña colección cambiou bastante e recibiu un impulso, esta vez grazas a coleccionistas e a posibilidade de intercambios. Isto cambiou cando me fun a vivir a Barcelona. Teño dous recordos moi bos nesa cidade.

O primeiro é da Praza Real e os postos dedicados á filatelia do domingo pola mañá. Alí descubrín a Francisco Vicente, o primeiro experto filatélico ao que coñecín, que me foi resolvendo dúbidas e asesorando desde entón ata hoxe. O segundo recordo é unha feira de selos chamada Barnafil que ten lugar nas Cotxeres de Sants.
Eu estaba a botar unha ollada a caixas cheas de sobres igual que outros moitos coleccionistas; por casualidade empecei unha conversación con tres coleccionistas que estaban a visitar a feira: Antonio Ferrer, Enrique Tena e José Manuel T. Comentáronme que eran socios do Cercle Català de Colleccionisme de Sant Feliu e que, se me apetecía coñecer a máis xente coleccionista, podía ir un día por alí.
E así o fixen. Á volta do verán co inicio do novo curso paseime por Sant Feliu e comecei a participar nas actividades da Asociación. A día de hoxe, a miña colección medra grazas a tanta xente que lembra que colecciono selos e non os tira, senón que mos dá.
De todas as coleccións que gardas cales son as túas temáticas preferidas?
Hai varias materias que me interesan e que as trato de ordenar e “posuír”, baixo coleccións temáticas. Supoño que por deformación profesional teño bastante material relacionado cos grandes físicos e as súas teorías. Tamén colecciono sobre literatura, cinema, sobre todo Hollywood, e arte do século XX.

Interésanme tamén as montañas, especialmente os picos de máis de oito mil metros. Teño unha colección bastante desenvolvida de ilustradores e debuxos animados, algo moi amplo, desde os Irmáns Grimm ata Os Simpson. E, por último, a miña colección realmente estrela, a que me encanta: a Alhambra de Granada.
Refugas os demais selos?
Xamais. Interésame todo o que cae nas miñas mans. Isto pásanos a moitos coleccionistas. No fondo todos temos un mesmo patrón e podemos ser un pouco Diógenes cos nosos selos.
Se non me interesan a min porque non fago eses temas, ou porque se cadra xa o teño, non é motivo para non gardalo porque sempre pode intercambiarse ou sen máis regalarllo a algún coleccionista que sei que segue ese tema.
Con esta colección conseguiches facernos viaxar 100 anos pola historia do Opus Dei. Animaríaste a unha nova exposición cos novos selos que se emitan cando se cumpra o seu centenario en 2028?
Para poder expoñer unha colección temática fan falta dúas cousas: a primeira e máis complicada, reunir o material suficiente para mostralo e a outra, máis sinxela, crear unha orde entre todo ese material filatélico que poida contar unha historia.

Todo iso xa o teño, sería completalo e gozaría cunha exposición aínda máis completa se se emitisen selos conmemorativos do Centenario, especialmente en Francia, Alemaña, Bélxica, Holanda e por suposto en España. Esta é a miña ilusión!
