Salvador Martín Aguirre (Cartaxena, 1951), enxeñeiro de formación e home especialmente volcado no mundo da educación e a cultura, é o director do centro do Opus Dei en Ferrol, onde ten a súa sede o Club Roiba. Un club, a cuia xunta directiva, formada maioritariamente por pais, tamén pertence Salvador.
-¿Por que é tan difícil hoxe ofrecer aos mozos unha formación na que non só haxa coñecementos, senón tamén valores?
-A xente, o que quere é ser feliz. A mocidade ten ideais e é bo fomentarllos. Penso que aos mozos hai que explicarlles o porqué das cousas, con sentido positivo; que vexan o porqué do esforzo e as vantaxes que ten para outros ou para un mesmo. Eles, co tempo, danse conta de que unha actitude egoísta, que ademais adoita ser efímera, non acaba dando a felicidade.
-O que tradicionalmente coñecemos como cultura europea, ¿está en perigo?
-Son optimista. Ao longo da historia houbo altibaixos e Europa soubo reporse de ideoloxías como o marxismo, que parecía que achegaban moito ao home como persoa e ían ser unha solución para a sociedade, e co paso do tempo viuse que, pola contra, sumían na tristeza e na desesperanza. A Europa actual ten moitas manifestacións positivas que estaban na súa orixe cristián: a solidariedade, o desexo de respectar os dereitos humanos e o desenvolvemento do afán de saber. O sentido cristián está na orixe da cultura europea e contribuíu a facela verdadeiramente humana e transcendente.