Os mozos do club Rueiro ensaian a suas actuacións solidarias

Música, maxia e teatro son as actividades que levan a centros sociais, residencias de maiores e cantos colectivos o demanden os rapaces de Rueiro.

Unha das actividades solidarias de Rueiro é a da maxia e Pablo é un dos seus magos

«Non podo dicir se son eles ou nós os que disfrutamos máis». Isto di un dos membros do club xuvenil de Rueiro da Coruña que participa na actividade chamada Living for Others e que «consiste en cultivar pasatempos como a maxia, a música ou o teatro, para poñelos ao servizo doutros, ofrecendo concertos e festas solidarias en varios centros», explica Antonio Pérez, un dos responsables de Rueiro.

Entre as actividades deste club, que acaba de cumprir 50 anos de funcionamento, están os talleres para aprender a tocar a guitarra. Pero fai algúns anos «preguntámonos que máis poderiamos facer desde esta asociación xuvenil, ademais das visitas habituais ás persoas necesitadas que sempre fixemos, e puxemos en marcha esta iniciativa solidaria en torno á música», explica Pérez. Así naceu unha formación musical composta de nenos entre 14 e 17 anos que se chamaba Hospiband.

Os ensaios realizáronse nas instalacións do club e logo participaron en concertos e festivais cos que pretendían «facer pasar un momento agradable as persoas que precisan espertar ou aumentar a súa ilusión, unha pouca de compaña ou de diversión».

Esta iniciativa de solidariedade medrou e un dos membros do grupo musical explica a súa evolución: «O proxecto Living for Others comezou con Hospiband levando música a todos os lugares posibles. Cando vimos que gustaba dixemos: Por que non traerlles teatro e maxia tamén?». E así o fixeron, polo que os ensaios agora xa non son só do grupo de música, que ten un repertorio que vai medrando, senón tamén os que tratan de aprender a ser magos ou queren entrar no mundo do teatro.

O resultado foi visto de novo nas actuacións que se levaron a cabo a finais de xaneiro no Fogar María Inmaculada de Bañobre, no concello de Miño, onde xa son coñecidos porque actuaron alí en varias ocasións. Esta vez, explica Antonio Pérez, «había cancións, números de maxia e unha obra de títeres. Cerca de 40 nenos riron, cantaron e bailaron co espectáculo que ofrecían nenos da súa idade». Nesta complicidade de idades, os mozos artistas de Rueiro teñen experiencia xa que «un dos primeiros concertos tivo lugar nun centro de menores, onde os mozos sen teito se divertiron moito». Ademais «tivemos ocasión de falar con eles máis tarde con calma». Tamén salienta Antonio Pérez que estes mozos de Rueiro «xa ofreceron o seu talento en diversas institucións como o Fogar Sor Eusebia, Aspronaga, o centro Pai Menni para as persoas con discapacidade intelectual de Betanzos e varios centros de maiores. Son felices de poder traer alegría onde queira que o pidan». Entre os exemplos de como son recibidos está desde que nun centro de maiores pedíronlles un disco ata o agradecemento que as veces chega por escrito, neste caso desde a asociación Pai Menni: «A verdade é que o seu concerto foi moi completo, incluíndo teatro, maxia, música... Nós e os nosos usuarios quedamos mo satisfeitos e as demais asociacións gozaron dun gran momento grazas a eles (...) Fan un gran traballo e son moi talentosos».

Rueiro é un club impulsado polos pais para o lecer xuvenil. Mateo (baixo), Josemaría (guitarra e voz), Antonio (guitarra) e José Carlos (batería) no último concerto no en Miño. O mago é Mateo Alonso e todos son do club Rueiro «impulsado polos pais para ofrecer aos seus fillos formas divertidas e lúdicas educativas», explican.