Non son coñecidas con exactitude as orixes da tradución de Camiño ao galego. Quizais se pensou en publicar a obra en galego dentro dun plan de editala xunto coas outras linguas minoritarias da península. É posible que a decisión de editar Camino en galego se tomara nos primeiros meses de 1964. É probable tamén que a idea cobrase forza nalgún encontro entre Pedro Gutiérrez Aguirre, sacerdote vasco do Opus Dei que vivía en Santiago de Compostela, e o escritor e xornalista Armando Vázquez Crespo, que foi o tradutor desta primeira edición galega de Camiño.
O caso é que ao redor de 1965 este autor emprendeu o labor de tradución, traballo que se prolongou durante case dous anos. A instancias do tradutor e da mesma editorial Rialp se solicitou unha supervisión deste texto. A editorial Rialp é a que editaba e vén editando o libro desde 1945.
O texto da tradución parece que se lle entregou para a súa revisión a Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas e Domingo García Sabell. Consérvase o ditame de Filgueira, datado en 1966. Non hai constancia de que se conserven os outros informes, aínda que parece que todos os consultados deron o seu beneplácito e puxeron de relevo a grande dificultade que tiña unha tradución deste tipo.
Cara a 1966 Xosé Filgueira Valverde era alcalde de Pontevedra e director do instituto de ensino medio da mesma cidade. O ditame solicitoullo Jesús Larralde, catedrático de Farmacia da universidade compostelá, que fora director do Colexio Maior A Estila durante varios anos pero que daquela xa non se atopaba en Santiago de Compostela.