"Nós non somos alleos ao galego"

“Nós non somos alleos ao galego. Nós non temos un punto de vista negativo sobre o galego”. Son palabras de Xesús Alonso Montero, entón presidente da Real Academia Galega (RAG), na presentación de "Conversacións con Mons. Escrivá de Balaguer" (Follas Novas). Valoraba o profesor e filólogo, falecido o pasado 6 de febreiro, o que, na súa opinión, pensaban "os militantes e simpatizantes do Opus Dei" sobre o feito de traducir ao galego os libros de san Josemaría. Tamém agradecía que se fixeran esas traducións.

En 1928, Deus inspirou en Madrid a san Josemaría Escrivá o Opus Dei, unha institución da Igrexa que vai camiño do seu primeiro século de vida e que promove a santificación do traballo e das actividades ordinarias no medio do mundo.


O fundador peregrinou a Galicia por primeira vez en xullo de 1938, con ocasión do Ano Santo. Despois fixo outras viaxes para preparar os comezos do labor apostólico e impulsar iniciativas educativas e sociais promovidas por persoas da Obra. A última vez que estivo en terras galegas foi en 1961.

En 1968 publícase Camiño, a edición galega de Camino, o libro máis coñecido de san Josemaría. Dos libros en castelán este é o cuarto máis traducido da historia (142 veces) despois de Don Quijote de la Mancha (1.140) e dous de García Márquez: Cien años de soledad (245) e El amor en los tiempos del cólera (158). Son datos do instituto Cervantes.

A primeira traducción de Camino é do historiador e periodista Armando Vázquez Crespo e a segunda, publicada en1991, é do sacerdote Luciano Armas Vázquez. Este último tamén fixo a traducción ao galego, no ano 2006, de Vía Crucis, outro dos libros fundamentais de san Josemaría. Estas tres obras foron publicadas pola editorial Rialp.

Sería a libraría Follas Novas/Follas Novas Edicións de Santiago de Compostela a que sacou á venda Santo Rosario en galego. A tradución foi realizada por Araceli Filgueira Iglesias (Lugo, 1939) que conta cunha dilatada experiencia na redacción de libros para estudo do galego e na dirección de bibliotecas. Rafael Silva, un dos fundadores de Follas Novas, acolleu con moito agarimo a idea de publicar este libro.

A versión galega de Santo Rosario leva na portada un debuxo de Castelao, o da Virxe do Portal que se conserva no Museo de Pontevedra. Os distintos misterios do Rosario e as ladaíñas van precedidos por fotografías de imaxes ou cadros de igrexas das catro provincias galegas, como a Resurreción da catedral de Lugo ou a Coroación dá Virxe da Ribeira Sacra.

San Josemaría escribiu Santo Rosario unha mañá de decembro de 1931, despois de celebrar a Eucaristía. Tiña entón 29 anos. Antes de cada un dos misterios, o autor ofrece unhas reflexións, que facilitan ao lector a contemplación das escenas. Publicouse por primeira vez en 1934.

https://opusdei.org/gl-es/arti...

Araceli Filgueira tamén foi a traductora ao galego de Conversacións con Monseñor Escrivá de Balaguer (Follas Novas). En declaracións a El Correo Gallego, decía Araceli que esta traducción “recolle toda a espiritualidade de san Josemaría e o seu pensamento tan avanzado”. E avisaba que non é un libro “para meditar, pois son entrevistas feitas por xornalistas” de prestixio internacional. Ademais amosaba a ledicia de ver a obra en galego pois “creo que é unha forma de estender a nosa lingua. Síntome continuadora do que fixeron os meus devanceiros”.

Hai moi pouca literatura relixiosa en galego”

En declaracións a La Voz de Galicia (Edición Ourense), Araceli explicaba as razóns para facer unha versión en galego dun libro publicada tanto tempo atrás: Hai moi pouca literatura relixiosa en galego e iso é unha mágoa. El [san Josemaría], ao que eu coñecín en persoa, sempre dicía que a mensaxe do Opus Dei tiña que chegar a todo o mundo na lingua que empregan as persoas que o escoitan. Alonso Montero agredeceume que fixera o traballo, porque aínda sendo algo que é para un público minoritario está feito na nosa lingua”.

Sobre o que aportan estas estas Conversas... despois de tanto tempo, dicía Araceli: “É sorprende comprobar como as súas reflexións sobre a Igrexa ou o Concilio (que daquela acababa de concluir) as liberdades, os dereitos, a muller, a sociedade, a comunicación e outros aspectos se poderían aplicar aos tempos actuais”.

Para a editorial esta traducción era un achegamento á obra de Escrivá e unha homenaxe ao xornalismo, unha obra diferente que recolle entrevistas que lle fixeron en xornais e publicacións de todo o mundo, de Le Figaro a The New York Times e de Telva á Palabra. Escrivá de Balaguer foi contestando todo o que se lle preguntaba, por veces cuestións duras, e só puxo como condición que as preguntas fosen respetuosas.

Homilías

En 2022, a editorial Agoeiro, que naceu durante a pandemia baixo a dirección do xornalista vigués Jorge Alonso, publicou en galego os libros de homilías de san Josemaría É Cristo que pasa e Amigos de Deus. O primeiro volume saíra en 1973, dous anos antes da morte do fundador do Opus Dei; o segundo é póstumo e chegou ás librarías en 1977. Cada un destes libros contén 18 homilías que foron traducidas ao galego tamén por Araceli Filgueira Iglesias.

Os textos de É Cristo que pasa abranguen todo o ano litúrxico católico, desde o Advento ata a festa de Cristo Rei. En canto ao contido, o beato Álvaro del Portillo escribiu no prólogo da primeira edición: “A cerna é o sentido da filiación divina, constante na predicación do fundador do Opus Dei. O autor faise eco continuamente da ensinanza de san Paulo: "Os que son gobernados polo Espírito de Deus son fillos de Deus". Esta edición en galego leva un texto do que foi bispo de Vigo, Luis Quinteiro, que sinala como desde a diocese de Tui-Vigo comezou a expansión internacional da institución fundada por Escrivá. Tamén di: “Sen dúbida, estas homilías axudarán a quen as lea a ser máis rezador seguindo as suxestións do Papa Francisco”.

O que fora arcebispo de Santiago, Julián Barrio, lembra no limiar de Amigos de Deus que san Josemaría peregrinou por primeira vez a Compostela en xullo de 1938. Aquel era Ano Santo porque o de 1937 se alongara por mor da guerra. Tamén evoca como, no prólogo da primeira edición, o beato Álvaro del Portillo dicía: “Estas dezaoito homilías trazan un panorama de virtudes básicas humanas e cristiás para quen queira seguir de preto os pasos do Mestre”.