Hvala! Cando ao axudar sales gañando

Campo de traballo nunha parroquia en Karlovac, Croacia

O grupo de galegos que participaron no campo de traballo cos anfitrións

Hvala! En croata, “grazas”.Hvala!Hvala!Hvala! O rigor da pronuncia era o de menos, suplíase cos sorrisos de todos os que tiveramos a oportunidade de estar oito días traballando en Karlovac, unha poboación situada a cincuenta quilómetros de Zagreb. Era o momento da despedida e facíasenos un pouco duro. Coñeceramos a xente tan boa!

Dezaoito rapaces galegos, de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, percorremos máis de 5.300 quilómetros entre a ida e a volta na primeira quincena de xullo para traballar na parroquia deKarlovac. Apilar troncos nun celeiro podía parecernos unha tarefa un tantoinsípida ata que nos decatamos de que o inverno adoita sacar a pasear os -20º polos termómetros da zona. A xulgar polo espléndido sol do verán custa crelo, pero, aínda que non de maneira constante, todos os anos varios días baixan as temperaturas ata esa cifra. ¡Máis madeira!

Cando xa non quedaban troncos veu a segunda fase. Baleirar un edificio de dous andares e un amplo faiado que pertencen á parroquia. Canto tempo facía que non se usaba, non o sei. Pero moito, seguro que moito. E entón veu algo que era tan esgotador como divertido, porque o traballo –palpámolo ben de preto– cando se fai cos demais e polos demais alimenta o bo humor. “Esa mesa, fóra”. “Pola escaleira?”. “Non hai tempo. ¡Pola xanela!”. “Seguro, D.Filip?” (o párroco). Sorriso amplo, mirada comprensiva… ¡Pola xanela!. “Logo dádeslle coa machada e levades as madeiras para queimar”. Armarios, andeis, mesas, cadeiras… Limpeza a fondo.

Mentres as carretillas van e veñen polas rúas que rodean a parroquia, na cociña hai un despregamento de traballo enorme.Hvala! Os pais de D. Filip colleron o coche e deixaron a poboación de Medjugorje, o seu lugar de residencia habitual, e déronnos unha lección a todos de espírito de servizo. Almorzo, comida e, cea. Sempre alegres. Como para poñer mala cara se che doía un pouco a cabeza ou se che cravaba unha acha. Hvala!.

EnKarlovac non paramos de ver xente en bicicleta. Mozos e menos novos. Un pelotón de nenos viña cada día para saudarnos. Hoxe fútbol? Si, hoxe si. Xogar ao fútbol con nenos croatas en xullo de 2018 facía doada a conversación:Modric, si.Luka eRakitic eKovacic… Risas. Mundial. A linguaxe do gol. Unha gramática que nos era familiar. Mentres a furgoneta movíase lentamente marcha atrás para facer a manobra que nos poñía rumbo á autoestrada, axitaban as mans para despedirnos…Hrvatska!

Os dezaoito que fomos tiramos do carro: uns prepararon unhas charlas de formación sobre vida cristiá –adolescentes falando a adolescentes¬–, outros prepararon información relevante das principais cidades polas que fomos pasando e ilustraron aos demais.

O camiño de ida tivo as súas paradas: Barcelona,Verona, Venecia. O de volta tamén: Milán –outra acollida para escribir un grazie enorme– e, sobre todo, Torreciudad. Dous días enteiros visitando á Virxe. De Croacia levabamos a bandeira e casualmente, ao vela, nunha das furgonetas no parking do santuario, un matrimonio croata achegóusenos para preguntarnos se nós tamén eramos hrvatski. Non, non pero si, depende, xa me entendes. Despois de todo o que viviramos só quedaba dar as grazas á Virxe por eses días, por todas as persoas que nos trataban tan ben. Vas axudar e notas que non ten sentido dicir “de nada”, que, unha vez máis, só debes dicir hvala!