Historias de presidiarios futbolistas e dunha planta de Pediatría

Un estudante de Criminoloxía promove unha iniciativa social para presos dun cárcere galego e outros amigos do Colexio Maior A Estila fan todo o posible para que os nenos -e os pais- pasen un tempo de ledicia na escola infantil dun hospital de Santiago.

A primeira historia arrinca con Rafa, estudante de Criminoloxía na Universidade de Santiago, que decidiu, no ano 2013, promover unha iniciativa para os presos do Centro Penitenciario de Teixeiro (A Coruña). Sabía que tiñan un equipo de fútbol 11 federado en Galicia e que, en xeral, os presos non lle ían facer noxos a xogar un partido. Así que lanzouse: Colexio Maior A Estila vs CP Teixeiro. E desde entón son case seis anos xogando.

Nada máis chegar ao campo observamos o ben equipados que estaban. Dixéronnos que era material que lles doaba a fundación dun coñecido equipo de Primeira División, que tamén o doa a outras 23 cárceres de España e, ademais, asume os gastos dos adestradores. Está moi ben ver como persoas e entidades axudan a estes reclusos. E compróbase que lles axudan con éxito: non só están ben equipados, senón que polo xeral son moi bos xogadores.

O seguinte paso é xogar. En xeral empezamos os partidos algo temerosos para non facer faltas, pois pensas que podes provocar unha pelexa en calquera momento cunha mala entrada. A fin de contas, é doado pensar: "Non te metas cun preso si non queres acabar mal". Con todo, de contado se derruba ese prexuízo. Os primeiros que xogan limpo son eles. Os primeiros que buscan pasalo ben son eles. De feito, este ano un dos seus adestradores, ao vernos agarrotados e evitando calquera provocación, empezou a animarnos e a darnos consellos para que xogaramos máis soltos: "Senón, ¿como pensades gañar?", dicíanos entre sorrisos.

Este ano invitamos a outros colexios maiores da cidade. Acompañáronnos algúns da Residencia Universitaria Barroso, que, ademais de aumentar o número de persoas, aumentaron notablemente a calidade futbolística do noso equipo. De feito, este foi o primeiro ano no que conseguimos gañarlles.

Despois do partido xa é costume facer unha entrega de premios. Eles regálannos cousas que fan nos seus talleres. Un agasallo que recordo especialmente foi o de un balón de cerámica asinado polos membros do equipo de fútbol. Foi unha pasada. Aínda o conservamos na sala de trofeos do Colexio Maior. Este ano tocou unha barca de cerámica, que lle cedemos aos de Barroso para agradecerlles a súa colaboración na vitoria. O noso agasallo consistiu nun balón oficial da Champions League asinado por todos os que xogamos o partido.

Miseria, engano e desexos de refacerse e saír

Mentres que entregamos os trofeos e facémonos as fotos de rigor arrincan as confidencias. Sempre nos agradecen moito que vaiamos xogar con eles. Moitos nos din que lles dá a vida o contacto con xente de fóra, ver caras novas e poder pasar bos momentos xogando ao fútbol con rapaces novos. Lembro a conversa cun interno brasileiro. Era dos mellores xogadores do equipo. De feito, chegara a xogar ao fútbol profesional noutro país sudamericano. Levaba catro anos en prisión por un delito de drogas. "Para nós é moi especial ver que vides xogar", dicía: "Un sábado pola mañá poderiades estar facendo calquera outra cousa, pero estades aquí e a nós axúdanos moitísimo". Grazas a Deus, apenas lle quedaban dous meses de estancia e xa vía a hora de saír e refacer a súa vida.

Son moitas as historias que se van mesturando nestas conversas. "Eu son de Colombia, alí xogaba nun equipo semiprofesional, pero un día tomei a mala decisión de mesturarme co mundo da droga. Agora estou condenado a 15 anos e meus pais pensan que traballo no estranxeiro". Un máis que viña de África, outro que era dunha familia xitana… E así un tras outro, íannos contando historias que tiñan en común a miseria, o engano e os desexos de refacerse e saír.

Este é un plan moi divertido no que ademais aprendes moito. Os residentes de Barroso estaban moi agradecidos de que lles invitaramos a participar. Todos quedamos moi removidos polas historias que nos contaron.

Historias que pagan a pena

A segunda historia empezou fai xa 13 anos: "Hospilandia". Todas as semanas imos do Colexio Maior á escola infantil da planta de Pediatría no Hospital Clínico de Santiago para xogar, ter actividades e acompañar pola tarde aos nenos ingresados. A verdade é que a actividade ten moito éxito entre os nenos. Merce, a directora da escola, sempre nos di que esa actividade é a que os nenos agardan con máis ganas. E os propios nenos dínnolo tamén. Aínda que os que máis gozan son os pais que, por suposto, están invitados a xogar.

Podemos contar moitas historias. Saúl, de 11 anos, era un dos fanáticos de "Hospilandia". Cada vez que viña era a alma da festa, malia que a súa enfermidade non era menor. Tiña un sarcoma na perna do que recaera varias veces. De maior quería ser médico, e ata que se curou, tivo moitas conversacións orientadoras con Manolo, voluntario e estudante de 6º de Medicina.

Outra invitada especial era Mariña, que padecía leucemia. Grazas a Deus, curouse fai xa tres anos. Sempre que iamos xogar insistíalle a un dos voluntarios, Mateo, que estudase para facer algo produtivo na vida. Ou Carlota, que tiña anorexia e un trastorno bipolar. Como era das maiores, deixábase levar pola preguiza á hora de xogar, pero sempre o pasaba moi ben. Estando alí ingresada acabou a ISO con boas notas e agora está facendo un ciclo de formación profesional.

Outras historias son un pouco máis tristes. O verán pasado faleceu Javi aos 18 anos. Levaba desde os 12 pelexando contra a leucemia. Era moi fan de Star wars e agradeceu moito os agasallos de cascos de "Stormtropper" que lle fomos facendo a medida que avanzaba a súa enfermidade. Nos últimos meses non podía saír moito da súa habitación, pero sempre nos achegabamos a saudarlle cando iamos por alí.

Os nenos pásano moi ben. Recordo un día en que a última actividade foi pintarlle a cara aos voluntarios. Desde ese día pedíannos facelo sempre. Os pais tamén gozan moito. Como xa apuntamos antes, intentamos meter aos pais en todos os xogos que podamos. Para eles é un gran descanso e unha alegría ver aos seus fillos pasalo ben e esquecerse por unhas horas de que teñen que estar nun hospital. Conmove moito velos ingresados: desde os nenos de oncoloxía, aos que talvez non lles queda moito tempo de vida, aos da Unidade de Psiquiatría infantil, que van ter que aturar coas dificultades da súa enfermidade toda a súa vida. A verdade é que é un consolo poder axudarlles neses momentos tan duros, aínda que o único que poidas facer sexa cantar cancións, regalar pelotas saltaricas e rezar para que lles vaian ben as cousas. Lévanche tamén a agradecer todo o que tes, desde a saúde á familia. E si algo puidemos experimentar en todos estes anos é que estas cousas, aínda que sexan pequenas, valen moito a pena.

________________________________________

Autor: Manolo S. Acabou 6º de Medicina e foi voluntario nestas dúas actividades.