Guadalupe: a fórmula para ser feliz dunha santa con química

O doutor en Teoloxía José Carlos Martín de la Hoz falou en Vigo de Guadalupe Ortiz de Landázuri e fixo fincapé en que a próxima beata buscou a perfección no traballo e na súa permanente alegría

Martínez de la Hoz foi presentado por Beatriz Martínez, profesora universitaria e responsable de comunicación do colexio das Acacias

A sede de Afundación de Vigo acolleu, o luns 25 de marzo, unha conferencia-coloquio sobre a química, doutora e investigadora Guadalupe Ortiz de Landázuri, que será beatificada en Madrid o próximo 18 de maio. Estivo a cargo de José Carlos Martín de la Hoz, doutor en Teoloxía e autor de máis de trinta libros sobre temas de Historia da Igrexa. Foi presentado por Beatriz Martínez, profesora universitaria e responsable de comunicación do colexio das Acacias. O acto estivo organizado polo Centro de Estudos Superiores Aloya.

O conferenciante explicou o que pretende a Igrexa coa beatificación dunha persoa: propoñela como modelo e intercesora dunha parte considerable do Pobo de Deus así como facer visible e alcanzable a vida de santidade cristiá. Na análise da súa vida fixo fincapé en como buscou a perfección no traballo e na súa permanente alegría.

Guadalupe pasou a maior parte do seu tempo dando clases de química ou estudando química ou aplicando a pericia química nun laboratorio. Santificando un traballo ordenado, constante, metódico e minucioso. Puxo exemplos da súa audacia en acometer iniciativas apostólicas e en servizo aos demais e de como sabía escoitar ás persoas para podelas aconsellar con acerto. Todo iso apoiábao na súa intensa vida de oración.

As persoas que a trataron lembran a súa permanente alegría. Martín de la Hoz salientou como en moitas das 350 cartas que escribiu ao fundador do Opus Dei, ao contarlle as diversas circunstancias coas que se atopaba, con frecuencia escribía … e eu contenta. A súa alegría e bo humor eran verdadeiramente indicativos da súa confianza en Deus e na Virxe.

Presentacións en A Coruña e Santiago de “La libertad de amar”

‘La libertad de amar’ é o título do novo esbozo biográfico de Guadalupe Ortiz de Landazuri editado pola editorial Palabra e que presentou a xornalista Cristina Abad na Fundación ONCE da Coruña, o día 26 de marzo, e no colexio maior Arosa de Santiago, o día 27. A autora, que citou varias veces a José Carlos Martín de la Hoz, explicou que se achegara a figura de Guadalupe con curiosidade xornalística e que atopara unha persoa moi normal e divertida sacando adiante actividades nas que foi pioneira.