Fonteboa, a formación máis solidaria

O Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa (Coristanco-A Coruña) leva anos axudando a diversas entidades sociais coa celebración do chamado Xantar Solidario. Ademais, durante o confinamento polo covid19, tanto o centro como familias do seu entorno seguiron colaborando con Cáritas donando produtos agrícolas.

«A solidariedade está no ADN da formación rural. Ao redor da EFA hai moitas iniciativas solidarias que se inclúen na formación dos estudantes». Luis García, un dos xestores de Fonteboa, resume así a colaboración do centro con entidades sociais como Cáritas de Bergantiños, Cruz Vermella de Carballo, Red Madre ou a Asociación Internacional de Movementos de Formación Rural.

Unha das actividades con máis participación dos últimos anos é o chamado "Cocido dos nosos lares", un encontro organizado por estudantes do centro, coa coordinación do profesor Constante Lorenzo. Na súa última edición, a sétima, este "Xantar Solidario" reuniu a máis de 200 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.

«Eu traio ledicia», dicía, non sin certa retranca, un dos estudantes asistentes. E é que cada participante aporta algo para o "Xantar Solidario". Así o demostran os case 3.000 euros recadados na última xuntanza que tivo lugar o pasado mes de decembro. «Normalmente facémolo a finais de novembro porque hai menos actividades», indican os organizadores.

Estes encontros comezan cunha exposición dos propios estudantes, que vai dende as ventaxas de consumir produtos locais ou a de como promoven a súa comercialización ata a necesidade de saber compartir con quen ten menos recursos. Alumnos ou responsables do centro tamén falan das súas iniciativas emprendedoras, da creatividade para afrontar o futuro ou da necesidade de saber escoitar.

Esta comida solidaria tamén serve para potenciar a cociña local, cun menú baseado en produtos da comarca que son elaborados polas cociñeiras da EFA, que cada ano reciben o eloxio unanime dos asistentes.

Durante ese día, a solidariedade senta na mesa pero non para aí xa que recollida de alimentos para Cáritas é algo co que os estudantes de Fonteboa tamén colaboran periódicamente. É unha actividade que forma parte da formación solidaria que se enseña nesta escola.

Produtos agrícolas para Cáritas

Durante o confinamento polo covid 19 os produtos dos tres invernadoiros que ten Fonteboa con fins educativos e de outros produtores da zona foron para Cáritas de Carballo. (Foto: Ana García. La Voz de Galicia).

Na Área de Experimentación Vexetal de Fonteboa, indican desde o centro, hai tres invernadoiros que suman unha superficie cuberta de 1.000 metros cadrados con fins educativos. Coa declaración do estado de alarma paralizouse a actividade formativa presencial, pero mantívose a atención dos cultivos implantados, destinando os produtos obtidos á Cáritas interparroquial de Bergantiños para a súa distribución entre as familias en risco de exclusión social. Desde principios de abril cada semana os produtos hortícolas entréganse na sede de Caritas en Carballo. Todos os meses hai un día de maior distribución, polo que Fonteboa solicitou a colaboración da Asociación de Profesionais de Horta do Noroeste que se sumou a esta iniciativa con envíos de produtos hortícolas.