Estudantes galegos levan educación, ladrillos e fútbol a Camerún

Oito universitarios galegos pasaron as vacacións de verán na posta en marcha dun programa de apoio á educación en Camerún e na construción de dúas novas aulas do colexio Azobe en Yaoundé, a capital do país.

Os universitarios organizaron unha escola de fútbol para promover a educación en valores a través do deporte

Estes mozos decidiron cambiar o sol e a praia por cemento e ladrillos, para mellorar as posibilidades educativas dos nenos nunha pequena aldea de África. Os voluntarios traballaron nun programa de melloras socioeducativas nunha área de Yaoundé, capital política do Camerún. Entre outras accións axudaron na construción de dúas novas aulas da escola Azobe, impartiron clases e diferentes talleres educativos aos estudantes do centro e organizaron unha escola de fútbol para promover a educación en valores a través do deporte.

Este campo de traballo está promovido e organizado polo colexio maior La Estila e a ONG Cooperación Internacional. Anteriormente, este colexio maior xa desenvolvera iniciativas semellantes en Cuba, Guatemala e Uganda. O "Programa de formación xuvenil solidaria", que desenvolve La Estila, complétase ao longo do curso académico con outras iniciativas solidarias e voluntarias como son, entre outras, as de visitar asilos da cidade, colaborar na escolarización e apoio aos nenos inmigrantes, un programa de voluntariado hospitalario na escola infantil do Hospital Clínico de Santiago ou organizando partidos de fútbol na prisión de Teixeiro.

O grupo de voluntarios españois que viaxou a Camerún estivo integrado entre outros por: Luís Alcalá-Galiano, Javier Aranguren, Alberto Masó Sotomayor, Omar Alonso Rodríguez, Samuel Ferrero Losada, Iago Andión Alonso, Tomás Somoza Salinas e Gonzalo Rodríguez de Uña.

Camerún está situado en África Central e ten como veciños a Nixeria, Chad, República Centroafricana, Gabón, Congo e Guinea Ecuatorial. O país foi chamado «África en miniatura» pola súa diversidade xeolóxica e cultural: ten praias, desertos, montañas, selvas e sabanas. As súas principais cidades son Duala, Yaundé e Garua. Aínda que existen diversas culturas étnicas, as súas linguas oficiais son o francés e o inglés. Na actualidade conta cuns 24 millóns de habitantes. A poboación é nova: preto do 40,9 % ten menos de 15 anos, o 70 % é menor de 30 anos e 96,7 % son menores de 65. A taxa de natalidade estímase en 34,1 nacementos por cada 1.000 persoas. A súa esperanza de vida é de 53,69 anos.