"En África cando enferma un neno na escola non saben que facer"

A doutora Irene Kyamummi, premio Harambee 2020, falou en Galicia do proxecto de atención médica CHEP (Child Health Project) co que axudou a máis de 5.000 escolares de Kenya. Agora vai levalo a Uganda.

A doutora Irene Kyamummi, que presentou Gloria Solé, falou na Coruña dos novos avances das mulleres africanas

Entre 4 e 14 anos tiñan os escolares das aforas de Nairobi que durante dous anos visitou a doutora Irene Kyamummi (Kampala-Uganda, 1983) para facerlles revisións médicas. Eran para ver o estado de saúde de cada neno "polo menos unha vez ao ano". Cando tiña a idade de algún deses escolares e estaba estudando primaria, Irene tivo claro que quería ser médica. Para unha muller en África non era doado. A forza coa que a atraía "a bata branca", e o apoio dos seus pais, levárona a conseguir unha beca para estudar na universidade máis grande do país, a de Makerere, e chegar a ser médica na especialidade de anestesia. A complicidade dunha das súas irmás (na súa familia son oito irmáns) tamén foi importante, tal e como contaba na Fundación ONCE da Coruña. Foi un dos lugares de Galicia nos que falou do que supón o proxecto CHEP para os escolares africanos: "En África cando enferma un neno na escola non saben que facer e mándano para a casa".

Presentada por Gloria Solé, responsable de Harambee en Santiago, Irene Kyamummi falou na Coruña sobre os avances das mulleres africanas. Elas son moi importantes xa que "coas visitas médicas que facemos as zonas rurais vemos que moitos problemas non son unicamente sanitarios e por iso, ademais de atender aos nenos, vamos as casas, falamos cos pais e tratamos de axudarlles cos seus problemas. Así o proxecto axuda a toda a familia a ter un futuro mellor".

Foi polo proxecto CHEP polo que esta muller recibiu o Premio Harambee 2020 a promoción e igualdade da muller africana. Deste xeito, a ONG quixo "recoñecer o esforzo de esta profesional para darlle asistencia sanitaria a unha poboación infantil sen recursos e as súas familias, especialmente no medio rural".

Si xa durante os anos de estudante participou en iniciativas para axudar a persoas con menos recursos, despois de acabar a carreira colaborou no TB-Child Project, un plan para tratar a nenos con tuberculose. Despois trasladouse a Kenya para traballar no proxecto CHEP que tiña como un dos seus obxectivos o de rebaixar a mortalidade infantil. Alí puideron atender a máis de 5.000 nenos, rebaixando tanto a mortalidade como a mala alimentación, outro dos problemas. Isto contaba Irene as universitarias do Colexio Maior Arosa de Santiago coas que mantivo un encontro.

"As necesidades e os desafíos son moi semellantes en tódalas nacións de África, pero especialmente en Kenya e Uganda", explicaba. Por iso, "queremos desenvolver o proxecto CHEP en poboacións dos arredores de Kampala (a capital de Uganda), como xa fixemos no entorno de Nairobi, e comprobar que aquí tamén se chega a educación sanitaria de toda a familia por medio dos escolares". A taxa de mortalidade infantil en Uganda, segundo datos de CIA World Factboock, foi en 2019 de 55 bebés de menos de un ano por cada mil nacementos. Esta porcentaxe aumenta nas zonas máis pobres. En España son tres mortes por cada mil nacementos.

Respondendo a pregunta dunha muller africana que asistía a súa conferencia na Fundación ONCE, Irene Kyamummi indicou que para a posta en marcha do proxecto CHEP no seu país a idea é contar tamén coa axuda do goberno de Uganda e de entidades da zona e, cando sexa posible, que os pais tamén fagan algunha aportación económica.

As cifras que manexan están moi lonxe das dos países desenvolvidos xa que con "con 50 euros dámoslle atención socio-sanitaria a un neno durante dez anos". Isto faixe con un seguro que recolle tarefas como atender e ver o estado de saúde dun neno con tres chequeos ao ano, desparasitalo e darlle vitaminas, facilitarlle medicinas e levalo a un hospital, si fora preciso. Tamén inclúe darlle información médica que poderá transmitir a súa familia, segundo detallou Irene Kyamummi, que tamén falou do seu proxecto no colexio Montespiño.

A repercusión deste proxecto vai moito máis lonxe da asistencia médica: "Cando educas a unha nena, non so aprende unha materia senón que se sinte capaz de sacar adiante a súa familia e moitas cousas más. Por iso, educar a unha nena é educar a un país".