DisCamino: Non deixes que che digan que non podes

En 2009 Gerardo, un xordo-cego de 31 anos, viaxou dende Roncesvalles ata Compostela nun triciclo tándem. Así xurdiu un grupo de voluntarios, que pedalean cos seus copilotos de distintas capacidades. Neste dobre ano xacobeo percorreron 2.900 quilómetros por diferentes rutas do Camiño de Santiago. Moncho, un vigués do Opus Dei, sumouse a este proxecto e explica como esta iniciativa ofrece apoio e respiro ás familias e os coidadores.

DisCamino (discapacitados que fan o Camiño de Santiago) naceu en agosto de 2009, por iniciativa de Javier Pitillas e do entusiasta Gerardo. Despois de percorrer os preto de 750 quilómetros de Roncesvalles a Santiago de Compostela nun triciclo tándem durante 30 días, Gerardo díxolle a Javier: "Busca máis xente con problemas coma min para facer o camiño durante moitos anos". Esa petición marca o comezo, “pero DisCamino non é só a ruta, é a preparación física e mental necesaria para levar a cabo este reto; é o compañeirismo que xorde nos retos compartidos, é a ilusión de implicarse en algo que che cambiará a vida e a encherá de sentido; é a vida cotiá de moitas persoas que, aínda que nunca poderán pedalear, precisan de algo, ou de alguén, que os axude ou acompañe no seu camiño por este mundo”. Así o resumen os seus responsables.

Os voluntarios, mozos e maiores, comparten o seu tempo de lecer no programa de actividades disCamino, cuxo obxectivo é contribuír á inclusión e integración social de persoas con capacidades diferentes, ao tempo que ofrece apoio e respiro ás súas familias e coidadores.

As actividades son exclusivamente físicas, participando pilotos-copilotos conxuntamente, independentemente da capacidade do copiloto, polas súas limitacións: parálise cerebral, autismo, síndrome de Down, ataxia, esclerose lateral, distrofia muscular, síndrome de Prader Willi, síndrome de Idic15, Síndrome de William, poliomielite, síndrome de Sturge-Weber, xordeira, cegueira…

O lema de disCamino é: Non deixes que che digan que non podes! Con unha grafía que semella un berro, ese slogan aparece gravado en boa parte do material empregado nas distintas actividades. Para conseguir este obxectivo “contamos cunha gama de equipos de mobilidade sinxelos e algúns máis sofisticados: bicicleta tándem, triciclo, joelette, bicicleta de cadeira, handbike, bicicleta eléctrica due, ou equipos especialmente deseñados polo noso mecánico Fernando”. Todo isto conseguido grazas ao esforzo dos responsables de disCamino para conseguir doazóns, axudas das distintas administracións.

Semanalmente realizan saídas de 75 minutos, todas as tardes e os sábados pola mañá, seleccionando cada piloto e copiloto as súas preferencias de día e hora. Estas rutas son por sendeiros ou estradas da contorna de Vigo e serven para potenciar a súa mobilidade e osixenar, favorecendo a convivencia e o descanso.

Ademais, en calquera época do ano organízanse as distintas rutas polo Camiño de Santiago, sexa ou non xubilar, en etapas de tres días, unha semana, un mes e aínda máis. A última longa experiencia foron os 51 días de pedaleo durante este dobre ano Xacobeo 2021-2022, percorrendo 2900 km por diversos camiños: Portugués, Ruta da Prata, Mozárabe, Francés, Norte,…

As anécdotas destes percorridos son innumerables e moi instrutivas pola valentía e coraxe destes copilotos e as conversas sobre cousas correntes e profundas da vida, atopando sentido ás capacidades que Deus lles concedeu. Son emotivas historias de loita, tesón, sacrificio e entrega dos familiares de cada un dos participantes.

Cando falo con eles, conta Moncho, e vexo gozar desas horas de pedaleo, lembro as palabras de Xoán Paulo II: “O sufrimento está presente no mundo para provocar o amor, para dar lugar a obras de amor aos demais, para transformar toda a civilización humana en a civilización do amor.