​Concerto en Vigo a favor de Harambee e outras tres iniciativas sociais

As persoas solidarias enchen teatros. Foi o que pasou o 22 de febreiro en Vigo con motivo do concerto solidario da Coral Casablanca a favor da ONG Harambee, da Asociación de Trastornos de Espectro Autista de Vigo (TEAVI), Discamino de Santiago e Damas de la Concepción. A actuación tivo lugar no teatro Afundación con capacidade para unhas novecentas persoas.

Representantes das catro entidades sociais participantes xunto co director da coral

O concerto foi presentado por Fernando García Bermejo, delegado na provincia de Pontevedra de Harambee, a iniciativa que naceu na canonización de san Xosemaría, no ano 2002, para axudar á África subsahariana. García Bermejo falou de cada unha das iniciativas sociais e dos seus obxectivos. O alcalde de Vigo e varias autoridades locais asistiron ao acto.

A Coral Casablanca foi fundada en Vigo en 1957 e está formada por cento trinta voces mixtas. A orquestra da coral formouse en 1991 e está composta por cincuenta músicos profesionais con orixes diversas: galegos, rusos, lituanos, letóns, moldavos, ucraínos, checos, portugueses e cubanos. Ademais, levan a cabo tarefas docentes en conservatorios e escolas de música de Galicia e do norte de Portugal. Esta coral é a máis laureada de Galicia e ten, entre outras, a Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes 2010, o premio de honra da Fundación Gulbenkian de Lisboa (Portugal) e a Medalla do Festival Celta de L’Orient (Francia). Cada certo tempo fan cursos de formación con profesores de recoñecido prestixio internacional.

Asociación de Trastornos de Espectro Autista de Vigo (TEAVI)

Naceu en Vigo en 2015 para dar unha maior resposta e apoio as necesidades de persoas con autismo, intentando mellorar a súa integración social, escolar e laboral. Tamén orientan as persoas do entorno do afectados. Ademais ofrecen sesións sobre cuestións vencelladas como, por exemplo, a protección xurídica das persoas con diversidade funcional. Entre as súas actividades están proxectos como ATOPA que ten como obxectivo mellorar a convivencia escolar.

Discamino de Santiago

Este é un proxecto que naceu en 2009 para unir discapacidade e Camiño de Santiago, axudando a persoas con problemas a cumprir o seu soño de chegar ata Compostela. Discamino é a ferramenta para que calquera persoa discapacitada poida ter o que esa peregrinación ofrece. Discamino é tamén a preparación física e mental necesaria para sacar adiante ese desafío, é o compañeirismo que xorde nos proxectos compartidos, a ilusión de implicarse en algo que influirá na vida e que a vai encher de significado. É tamén o día a día de moitas persoas que aínda que nunca vaian poder ir en bicicleta reciben axuda e compañía nesas etapas da súa vida.

Damas de la Concepción

É unha asociación benéfica que desde 1935 axuda, mantendo o anonimato, a persoas que o necesitan pero que non se atreven a pedilo. So contan con donacións particulares. Esta entidade presta axuda a mulleres que teñen problemas económicos en algún momento da súa vida. No ano 2005 o labor desta asociación foi recoñecida co título de Viguesas distinguidas.

Visita a Vigo de Ozo Ibeziako, premio Harambee 2019

Ozo Ibeziako é unha nixeriana, médica de familia e profesora na Universidade de Pretoria, que leva 20 anos traballando en hospitais de Sudáfrica. A finais de febreiro estivo en Vigo para fala da muller como motor do cambio e do seu proxecto Art of Living polo que recibeu o premio Harambee 2019 a Promoción e Igualdade da Muller Africana. Ozo Ibeziako defende, como dixo en declaracións a varios medios de comunicación, que "si educas a muller, educas a toda a nación". Estes son os enlaces a algunhas das entrevistas.

- https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2019/02/28/edu...

- https://www.crtvg.es/informativos/ozo-ibeziako-dout...

- https://cadenaser.com/emisora/2019/02/28/radio_vig...