Comeza o proceso electivo do prelado coa reunión da Asesoría central do Opus Dei

Comezou en Roma o proceso previsto para a elección e nomeamento do prelado do Opus Dei, coa primeira reunión do pleno do Consello para as mulleres da prelatura, chamado Asesoría central.

O proceso electivo comezou coa reunión do organismo de goberno para as mulleres do Opus Dei.

O sábado 21 de xaneiro de 2017 comezou en Roma o proceso previsto para a elección e nomeamento do prelado do Opus Dei, coa primeira reunión do pleno do Consello para as mulleres da prelatura, chamado Asesoría central. O procedemento de elección conclúe coa confirmación e nomeamento do novo prelado por parte do Santo Pai.
A primeira xornada iniciouse coa Misa do Espírito Santo na igrexa prelaticia de Santa María da Paz, para pór baixo o seu amparo os traballos destes días.
Durante a homilía, o vigairo auxiliar da prelatura, Mons. Fernando Ocáriz, explicou que se abre unha nova páxina na historia do Opus Dei. O Espírito Santo é o primeiro protagonista: El infunde a caridade nos nosos corazóns e énchenos de ledicia».
Así mesmo, continuou, «pedimos ao Espírito Santo que acompañe ao novo Pai, para que guíe a Obra con fidelidade plena á Igrexa e ao espírito que san Xosemaría transmitiu».
Na Asesoría, cada membro formulou unha proposta co nome ou nomes daquel ou aqueles sacerdotes congresistas que valora como máis adecuados para o cargo de prelado.
Nunha entrevista recente, Isabel Sánchez (Secretaria central deste Consello) explicaba: «Non me cabe dúbida de que a Asesoría fará o posible por seguir e apoiar ao novo Prelado. Ademais, será unha alegría traballar seguindo ao Papa Francisco e xunto a tantas outras institucións da Igrexa, para anunciar a mensaxe do Evanxeo en calquera ambiente, convivindo con todos, con respecto, con afán de servizo, cun traballo honesto».
En todo este proceso -a reunión do pleno da Asesoría e do congreso electivo- participan 194 fieis do Opus Dei: 94 sacerdotes e 100 laicos. Trátase de persoas de polo menos 32 anos de idade, que levan incorporados á Prelatura un mínimo de 9 anos. Foron nomeados de entre os fieis das diversas nacións nas que o Opus Dei desenvolve o seu labor pastoral.
Máis información sobre o congreso electivo:
https://opusdei.org/es/section/congreso-electiv...