Cando Carballo Calero, Cunqueiro e Castroviejo estiveron en Aloya

O protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, Ricardo Carballo Calero, participou nas xornadas sobre os medios de comunicación en Galicia que tiveron lugar en marzo de 1977 no Centro de Estudos Superiores Aloya de Vigo. Entre os poñentes estaban figuras da cultura galega como Filgueira Valverde, Álvaro Cunqueiro ou José María Castroviejo.

Faro de Vigo informou das xornadas do centro Aloya nas que participou Carballo Calero

A Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas deste 2020 a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) ou Carvalho Calero, como asinaba. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, apuntou que as actividades poderían continuar durante o ano 2021.

Escritor, docente e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago, o importante traballo investigador de Carballo Calero deu como froito, entre moitos outros, a Historia da literatura galega contemporánea publicada en 1963. Catro anos despois, en 1967, botou a andar en Vigo o Centro de Estudos Superiores Aloya (www.aloya.es), no que as actividades de atención espiritual están encomendadas a Prelatura do Opus Dei. Este centro organizaría, con motivo do seu décimo aniversario, no mes de marzo de 1977 tres xornadas sobre os medios de comunicación en Galicia.

Na primeira das xornas participaron os directores dos principais xornais galegos moderados polo doutor en Dereito e periodista Manuel Fernández Areal. Un deses diarios, Faro de Vigo, recolleu como o día 16, "en Aloya, se desarrolló la segunda mesa redonda sobre los medios de comunicación en Galicia y que en esta ocasión estuvo dedicada a «La actividad cultural de la región en los medios informativos». Intervinieron Agusto Assía, periodista; Ricardo Carballo Calero, catedrático de Lingüística y Literatura Gallega; José María Castroviejo y Alvaro Cunqueiro escritores, este último ex director de Faro de Vigo, y Francisco Otero Guldris. periodista-redactor de El Pueblo Gallego, con José Filgueira Valverde, director del Museo de Pontevedra", que foi o moderador.

A crónica do acto conta como "Carballo Calero, tras un exordio antológico, habló de los medios de comunicación como instituciones de tipo social. Dijo que hay que recuperar el equilibrio, señalando que las actividades culturales están frecuentemente mediatizadas por la política. Se requiere un sosiego que es incompatible con la agitación existente. Aludió a las opiniones que de él se recogen en magnetófono y a cómo después son «corregidas» en la transcripción, con lo que los profesionales de la lingüística resultan «informados» por legos en la materia. Después manifestó que hay «una conciencia patológica del idioma». Y concluyó diciendo que «el idioma gallego permite la utilización, no la violación. Seamos, pues, honestos». Tamén alude a crónica periodísta a intervención de Filgueira Valverde facendo un repaso cronolóxico do galego escrito con valor cultural.

Para Filgueira, Aloya era exemplar

Poucos días despois destas xornadas, Filgueira publica no Faro de Vigo un artigo que titula Aloya, un exempro (sic) no que fala do Centro de Estudos Superiores que neste ano 2020 leva formados a 5.000 profesionais, con unha empregabilidade do 90 por cento e ten asinados 400 convenios de prácticas. Filgueira, que foi o protagonista do Día das Letras Galegas en 2015, escribía o seguinte:

Sempre gostéi de facer louvanza dos pequenos centros de formación, con cursos curtos, sen grados académicos, que abren camiño a «vidas vividas na vocación» moitas veces máis logradas que as que demandan soadas carreiras con tíduos de prestixio. Está aínda por facer a guía e reconto das institución galegas, nadas de xentes con ideal, dirixidas con esprito e cheas de eficaces logros. Lembremos a escola «Social» de Compostela, as dos mesteres de Turismo -lin con pena que vai pechar a de Vigo- as de «Mandos Intermedios» e, nesta data, antre as «de Segredarias», a que leva o nome do «Aloya».

Fun chamado moitas veces a falar nesa institución, que honra aos vigueses. E o fixen ca ledicia de atoparme nun ambente acolledor, nun «eido» no senso de «lugar» e de «agra» que ten a verba na nosa fala. Os derradeiros «coloquios» sobre «Medios de Comunicación Social» foron mostra do bon facer galego. I é que aos centros de ensino, pra encher o seu rol, comprenlles, tanto como o cadro escolleito de mestres e o marco dunha arquitectura axeitada, ter todo un esprito que poida transcender, dende o alicerce do fundador, a cantos o manteñan vivo na xeira emprendida.

Sempre desbotei o modismo «ter clase», que nin a Academia recolle. Prefiro o vago «ter un aquel» e coido moi doado falar de «ter un estilo». Porque decíndoo evocamos non o sangue, nin o estrato social, senón o xeito peculiar que un artista da a súa obra. Ensino i educación son faceres da máis outa das artes. Ben sei que hoxe agasallamos a quen goste de quebrar a norma e refugue o canon. Mais aqueles que os desbotan fan axiña norma do seu desleixamento i erixen novos modelos

Por moito que fagan o que, con verbas vellas chamamos «xentileza», «cortesía», «bon modo» , non ha deixar de ser froito granado da «educación». E por moita violencia que se nos ensine como espello de conducta, a concordia será sempre o ambente que requira o cultivo do esprito.

Castelao gostaba de glosar nas suas conversas os rasgos con que en Galicia calificamos ás xentes asegún a sua educación: «ben criado», «ben adeprendido», «ben ensinado». «ben avezado», «ben formado», «ben guiado»... Non val que unha escola so propoña somentes «profesar» unha institución». O que sempre é «formar», e a formación require de previo, un ambente con proporción human que afine os tonos da comprexa gama educacional.

Benia quen inicie e manteña escolas como as do «Aloya». Que Galicia teña moitas como elas. E que Vigo non deixe perder o ben que nelas ten.