Florence Jacqueline Achieng Oloo, doutora en Ciencias Químicas pola Universidade de Agricultura e Tecnoloxía Jomo Kenyatta de Kenya, foi a galardoada este ano co premio Harambee á promoción e igualdade da muller africana. É o recoñecemento “o seu traballo no Comité Ético de Strathmore University en Kenya que revisa e supervisa máis de 300 investigacións científicas ao ano, que involucran a seres humanos. Tambén promove un proxecto de empoderamento das mulleres e as nenas no condado de Kisumu”, explican desde Harambee ( https://www.harambee.es/ )
“É frecuente que os pais dean ás súas fillas adolescentes a homes maiores como segundas ou terceiras esposas a cambio dun dote, que polo xeral se usa para os gastos familiares e para que os fillos homes poidan estudar. Os pais non adoitan investir na educación das nenas, que se atopan ociosas e sen diñeiro para as súas necesidades básicas de hixiene, o que as fai presas fáciles dos pederastas. A maioría destas mulleres dependen completamente das súas parellas ou esposos, algo que non facilita que emprendan actividades socioeconómicas coas que mellorar o seu nivel de vida”. É a situación no condado de Kisumo, en Kenia, segundo indican desde Harambee. Para impulsar o liderado desas adolescentes e mulleres vulnerables, Oloo impulsou o programa Jakana–Kenyawegi para nenas e mulleres de diversas orixes, todos vulnerables.
Ramiro Fernández na presentación en Vigo. Diario Luso-Galaico
Harambee ten en Galicia varios equipos de voluntarios que puxeron en marcha iniciativas como o Torneo de Golf Harambee, en colaboración co Aeroclub de Vigo, en cuxa quinta edición participaron 190 persoas. Ademais, Ramiro Fernández Alonso, perruqueiro e psicoesteta da selección española de fútbol, doou a Harambee as vendas do seu libro De los pies a la cabeza: Mis vivencias con el fútbol y la “Roja” (Editorial: La fábrica de los libros), do que fixo unha presentación en Vigo.
Os proxectos solidarios de Harambee reciben tamén os beneficios doutro libro: Mujeres de ébano. El desafío del desarrollo en África (Editorial Rialp) que escribiu a xornalista, pedagoga e nai de cinco fillos Raquel Rodríguez de Bujalance. O resumo deste libro podería ser que as mulleres son a solución para África. “Descubrín que hai mulleres extraordinarias, intelixentes, preparadas e grandes profesionais, que decidiron quedar en África, traballar polo seu país e colaborar para que outras mulleres menos afortunadas poidan ter as mesmas ou máis oportunidades”. Isto afirma Raquel Rodríguez. Coñeceu a algunhas desas mulleres en España e a outras durante as viaxes que fixo por oito países africanos.
Unha das vidas que conta a autora é a de Frankie Wanjeri, nacida en 1951 preto do monte Kenia cando os kikuyos, como ela, loitaban por independizarse dos ingleses. O seu pai era polígamo, con oito fillos de cada unha das súas dúas esposas. Frankie, mala estudante, acabou facendo secretariado internacional, unha formación rápida para gañar diñeiro e axudar á familia. Uns anos máis tarde acabaría sendo a subdirectora de Kianda Secretarial College, considerado o mellor colexio feminino de Nairobi, e máis tarde implicouse na formación de mulleres que traballaban nas plantacións de té e café. Impulsora de diversos proxectos de desenvolvemento é rotunda ao afirmar: “Oio moito falar de dignidade, pero non se respecta cando resulta imposible vivir dignamente”. E sobre a emigración: “Eu estou convencida de que a única forma de deter a emigración é creando postos de traballo aquí, financiando proxectos relacionados co desenvolvemento que aborden necesidades reais da nosa xente, e proporcionen a educación e a formación profesional necesaria para o emprego e a ética profesional. Aquí. Non en Europa nin en América”.
Gloria Solé e Paula Gómez na libraría Avir-Troa da Coruña
De todo iso, e doutras mulleres protagonistas deste libro, falaron Paula Gómez Gil e Gloria Sole Romeo, delegadas de Harambee en Galicia, na librería Avir-Troa da Coruña o 26 de abril. Gloria Solé explicou os máis de cen proxectos realizados durante estes vinte anos en 22 países da África Subsahariana para a promoción da muller, a educación, a saúde maternoinfantil e a seguridade alimentaria e dos proxectos previstos para este ano. Tamén comentou as iniciativas desenvolvidas en Galicia e a forma de colaborar con Harambee.
Paula Gómez presentou á autora do libro, Raquel Rodríguez de Bujalance, que forma parte do consello de administración de Harambee España, e explicou como contido de Mujeres de ébano reflicte a valentía e o valor de 13 mulleres africanas. Falou especialmente de tres delas que estiveron en Galicia, na súa visita a España para recoller o Premio Harambee á Promoción e Igualdade da Muller Africana.
Tamén dentro dos actos do vixésimo aniversario de Harambee, o pasado nadal os coros grupo Atlántico e A Misela da Sociedade Liceo de Noia, dirixidos por Alejandro Guillermo, ofreceron un concerto solidario no espazo cultural de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela. Ademais, estudantes da Efa Piñeiral, de Arzúa, participaron nunha sesión sobre solidariedade/desenvolvemento sostible e a experiencia de Harambee no África subsahariana.
E Compostela acolle este primeiro fin de semana de maio un mercadillo solidario en beneficio de Harambee.