Aloya: cincuenta anos rompendo teitos de cristal e de cemento

O Centro de Estudos Superiores Aloya leva cincuenta anos capacitando mulleres para un amplo campo de saídas profesionais. No marco do día internacional da muller, Aloya celebrou as súas vodas de ouro cunha conferencia de Nuria Chinchilla, no Foro “Muller, Empresa e Formación”.

“Existen dous tipos de teitos que as mulleres debemos superar para eliminar as barreiras que seguen existindo na actualidade –considera Nuria Chinchilla, profesora, investigadora e directora da Cátedra Mujer y Liderazgo de IESE Business School–. Un deles é o teito de cristal: o que se nos impón ás mulleres desde o exterior e vén provocado polos horarios ríxidos dos empregos, a imposibilidade de conciliar o traballo e a familia e tamén por certos estereotipos masculinos. Pero, ademais, existe o chamado teito de cemento, que é o que a propia muller se impón a si mesma e que inclúe todas aquelas barreiras internas que teñen que ver coa falta de confianza e o medo ao fracaso. En moitas ocasións, este último deriva en optar por non promocionar na traxectoria profesional”.

Nuria Chinchilla pronunciou estas palabras o pasado 6 de marzo na conferencia “Muller e liderado: axentes do cambio na nosa sociedade”, no marco do Foro “Muller, Empresa e Formación”, organizado polo Centro de Estudos Superiores Aloya (Vigo). Aínda que é o primeiro ano que se celebra, esta iniciativa veu para quedarse como lugar de encontro para a análise e o intercambio de opinións.

Máis de trescentas persoas reuníronse no auditorio da sede de Afundación Vigo para escoitar as reflexións de Chinchilla sobre como apoiar o desenvolvemento do potencial feminino, identificando os seus freos e os seus catalizadores. “O mundo actual require do talento feminino para seguir avanzando con estruturas e estilos, á medida do home e da muller de hoxe, que humanicen a sociedade xa que a sostibilidade do sistema require reconciliar traballo, familia e vida persoal”.

Trala conferencia, iniciouse unha mesa de debate, moderada por Diego Maraña, CEO de MundiNova, na que participaron Laura Elorza, xerente de Recursos Humanos de Garrigues; Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Juan Güell, presidente do Círculo de Empresarios de Galicia; e Carla Reyes Uschisky, presidenta de Executivas de Galicia. Os convidados compartiron cos asistentes a súa visión sobre o liderado feminino e debatiron acerca de temas como o papel actual da muller na empresa galega, a aplicación de plans de igualdade e conciliación nas organizacións, ou o peso da formación nos procesos de selección, entre outros.

Este evento enmárcase dentro do programa de actividades que Aloya programou para celebrar os seus cincuenta anos de excelencia educativa en Vigo. No mes de abril organizará unha cea para antigas alumnas, no Club de Campo de Vigo, e unha carreira solidaria, no mes de xuño.

É suxestiva a imaxe dos teitos de cristal e cemento que citaba Chinchilla. O primeiro permite ver o que hai máis alá, o que está fóra do alcance. O teito de cemento, en cambio, impide a visión da meta. Para romper ambos límites, os externos e os internos, existen centros como Aloya, dedicado á formación da muller, polo que pasaron nestes cincuenta anos máis de cinco mil chicas e mulleres, e que conta cun elevado índice de inserción laboral.

Aloya leva medio século batallando nestes dous frentes, adaptando a súa oferta educativa para mellorar a formación e a autoestima das súas alumnas. Hai pouco tempo puxo en marcha o programa “Aloya Empresas” que, en palabras de Estefanía Martínez Brocal, directora do centro, “ofrece unha excelente oportunidade para mellorar o vínculo coas empresas e promover sinérxias. O que lles ofrecemos é o deseño de cursos á carta e diferentes actuacións de formación continua para profesionais capaces de desenvolver un traballo colaborativo e innovador”.

A solución de Nuria Chinchilla ao chamado “problema feminino” pasa por fomentar as tres F (feminidade, flexibilidade e familia) para conseguir todas as C (complementariedade, coidado, corresponsabilidade, compromiso, competencia...). Unha tarea na que Aloya traballa cada día para construír un século XXI máis inclusivo e sostible.