A Efa Piñeiral, 50 anos de formación e promoción rural

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, tivo lugar na EFA Piñeiral de Arzúa a xuntanza “dunha representación do alumnado que cursou estudos no centro ao longo dos 50 anos da nosa traxectoria”. Foi “unha doce e entrañable ocasión para reencontrarnos e celebrar os estreitos vínculos que o paso polo centro forxou”. Isto indican desde este centro educativo de formación profesional homologado pola Xunta de Galicia para impartir ciclos profesionais de grado medio e grado superior.

Foto de familia da primeira xuntanza celebrada con motivo dos cincuenta anos da EFA Piñeiral

Con esta xuntanza empezaron a celebrar o seu medio século de existencia xa que as actividades continuarán ao longo deste ano. A xornada foi ocasión tamén para a formación e así a xornalista Katu Martínez Iturbe falou de redes sociais, intelixencia artificial e de iCmedia Galicia (iniciativa pola calidade dos medios audiovisuais).

Non faltou a gastronomía preparada polo alumnado e profesorado do ciclo de panadaría, repostaría e confeitaría de Piñeiral. Na súa páxina web aparece a divertida testemuña de Álvaro, que cursou este ciclo: “Desde cativo sempre soñei con ser pasteleiro. Formeime na EFA e agora que sei facer pasteis descubrín… que teño que facelos para os demais”.

Tamén houbo tempo para que as antigas alumnas puideran coñecer os proxectos e oferta formativa actual do centro que “é unha institución vinculada permanentemente á capacitación para o emprego e a promoción laboral cun compromiso inherente coa promoción rural e dos seus habitantes”. En Piñeiral imparten os ciclos medios de panadaría, repostaría e confeitaría, de actividades comerciais, de coidados auxiliares e de enfermaría e os ciclos superiores de márketing e publicidade, de educación infantil e de xestión de ventas e espazos comerciais.

Desde a súa orixe é un proxecto educativo baseado na alternancia da formación na empresa, na familia e na aula. “Na EFA Piñeiral de Arzúa contamos cun 90% de inserción laboral, máis de 200 empresas acolledoras, a metodoloxía de alternancia aula-empresa, 7 períodos en empresas, 25 visitas técnicas e 25 charlas profesionais, titorías mensuais individualizadas, 70 horas de conversación en inglés por ciclo”, resumen nun dos textos promocionais do centro. Entre as empresas acolledoras está Toldos Gómez e unha das súas responsables, Lourdes Mouriño valora así esta formación: “O alumnado de Piñeiral é alumnado moi titorizado, moi motivado e iso fai posible que o rendemento nas estadías nas empresas sexa óptimo, e polo tanto a súa colocación laboral máis áxil e inmediata”.

A EFA Piñeiral “naceu no 1972 ao abeiro da fundación das EFAS, escolas familiares agrarias (UNEFA) que xurdiron ante a necesidade de mellorar a formación e capacitación profesional das xentes do medio rural baseándose na metodoloxía das Maison Familiales Rurales francesas”. A ollada cristián da persoa e do mundo está na base das actividades das EFAs e “as orixes de estas iniciativas remóntanse a san Josemaría Escrivá de Balaguer, quen advertía da necesidade de promover a mellora das condicións de vida e de traballo do medio rural”, recollía o boletín Romana falando desta iniciativa en toda España.

A xuntanza do Día das Letras Galegas foi recollida polo xornal La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/...