En Vigo, Katu Martínez Iturbe e un grupo de amigas querían facer algo que dese calor ás persoas que van pasar o Nadal nun campo de refuxiados e decidiron tecer mantas e roupa de abrigo e enviarllas aos campos de refuxiados.
Cóntao ela: “Siria, un territorio cun pasado de enorme riqueza histórica e arqueolóxica sofre unha devastación dende hai anos. Unha terra onde se estenderon civilizacións antigas e vellas comunidades cristiás antes da expansión musulmá, está padecendo un conflito sanguento que obriga a moitas persoas a fuxir do país.
Puxémonos en contacto con AAPS (Asociación de Axuda ao Pobo Sirio) e a partir de aí fomos concretando o plan.
Ocorréusenos que podiamos enviarlles mantas e outras roupas de abrigo: gorros, bufandas, ponchos… Algunhas sabiamos tecer, outras foron aprendendo. A modiño, coma unha grande rede, fóronse sumando moitas outras persoas e agora somos máis de cen.
Buscamos un lugar axeitado, para reunirnos e tecer as mantas, a base de pezas soltas de distintas cores que logo cosemos. Pensamos que unha cafetería podería ser un bo lugar e falamos cunha moi céntrica de Vigo (Victoria’s Bakery Shop) que acolleu a idea con entusiasmo. Tomamos un café e tricotamos alí. A verdade é que empezamos a ir un par de horas, unha tarde, pero agora somos moitas persoas e é preciso ir dúas tardes enteiras e unha mañá.
Necesitabamos un punto de recollida para gardar todo o material e xa o temos. A Autoridade Portuaria de Vigo cedeunos unha nave para a almacenaxe en Bouzas. Unha empresa privada (MAFRIVA) quixo colaborar limpando e adecentando o lugar para a súa posta a punto e ademais prestounos 30 palés. Tamén imos recoller material sanitario, material hospitalario, material de protección civil e outros recursos necesarios. Unha empresa de mensaxería (SEUR) colabora gratuitamente co transporte.
Tamén imos recoller material sanitario, hospitalario, de protección civil e outros recursos necesarios
Vemos con dor e tristeza que algúns destrúen alí templos cristiáns, obras de arte e monumentos sirios dun valor incalculable, pero o que nunca destruirán é o amor e a solidariedade entre os homes, que tamén desde Vigo queremos ofrecer aos sirios e ao mundo enteiro”.