https://drive.google.com/file/...
O encontro tivo lugar no Seminario Menor de Tui, onde se organizaron distintas propostas: oración ante o Santísimo, xogos, talleres en familia sobre o catecismo e o amor a Jesús, deportes como tiro con arco, fútbol, tenis ou baloncesto, así como momentos musicais con guitarras e cancións. A xornada concluíu cunha camiñada seguindo o curso do río Miño e unha misa na Catedral de Tui, presidida polo bispo diocesano, D. Antonio José Valín Valdés.

A cita estivo inspirada nas palabras de san Josemaría: «As grandes audacias son sempre dos nenos. Quen pide a lúa?» (Camiño, n. 857). Este espírito impregnou todo o encontro, no que dous sacerdotes estiveron dispoñibles para confesar durante toda a mañá.
“Jesús, ensíname a rezar”
Ségolène Chapel e Lara Delgado, promotoras da Adoración Infantil en Vigo, comezaron a preparar o Xubileu familiar fai máis dun ano, co propósito de unir a parroquias e familias que ven na adoración infantil unha oportunidade para que os nenos crezan nunha relación persoal de amor e proximidade con Deus.

Ségolène e Lara, son supernumeraria e cooperadora do Opus Dei, e como moitas nais queren e ven a importancia de que os seus fillos perciban que a Igrexa é unha gran comunidade universal. Nesta ocasión, a xornada permitiu a moitos nenos compartir a súa fe con outros da súa idade e experimentar a alegría de formar parte dunha mesma familia cristiá.
No mes de xuño, as organizadoras mantiveron un encontro co bispo diocesano para coordinar a xornada, durante o cal se reafirmou a idea de “facer visible que a diocese é tamén familia”. En palabras de Lara Delgado, “o bispo acolleu con entusiasmo a proposta e ofreceuse persoalmente a celebrar a misa do Xubileu”. A noticia foi recibida con gran alegría entre as nais e catequistas implicadas na preparación.
Desde o principio, buscaron que o xubileu fose un momento de fe e de alegría, de xogos e festa, porque Jesús é o refuxio onde buscar todo o bo.

O lema elixido para a adoración infantil, coa que comezou o encontro, foi “Jesús, ensíname a rezar”. Nenos e adultos dirixiron a súa oración ao Señor presente na Eucaristía, pedíndolle que lles ensinase o Noso Pai, como fixo cos seus apóstolos. Esta oración universal, que une a todos os fillos de Deus, simbolizou tamén a unidade da Igrexa reunida ao redor da adoración ao Santísimo Sacramento.
Gratitude e colaboración
A preparación da xornada puxo de manifesto o valor do traballo conxunto e a colaboración entre comunidades parroquiais. Numerosas persoas e entidades prestaron o seu apoio: catro sacerdotes acompañaron ás familias ao longo do día, dous deles dedicados ao sacramento da confesión; o reitor do Seminario Menor de Tui, D. Antonio, facilitou as instalacións; o párroco de Santa Marta, D. Alberto, colaborou na organización e difusión do evento; o fabriquero da Catedral de Tui, D. Santiago, e o delegado diocesano do Xubileu, D. Daniel, fixeron posible o uso do templo; e moitas persoas máis que apoiáronnos en mil detalles.
A experiencia permitiu constatar que a vida de fe constrúese grazas á entrega de moitas persoas que, de modo discreto, contribúen a facer realidade iniciativas como esta.

En definitiva, o Xubileu da Adoración Infantil foi unha xornada que deixou nos nenos e nas súas familias o desexo de repetir a experiencia. Como di o Evanxeo, «deixade que os nenos se acheguen a min» (Mt 19,14), unha invitación que segue ecoando con forza en quen participou desta celebración.