Estas catro rapazas reúnense todos os mércores para escribir sobre un tema. «Cada unha de nós escribe sobre un lugar ao que ir, unha historia de medo, unha historia romántica, un relato de suspense... E despois debatemos sobre eles», explican. É a diversidade de gustos literarios o que brilla na súa escrita. Unha delas, Valentina, ademáis de escribir no Club Beiramar está a publicando os seus relatos de fantasía, capítulo a capítulo, nunha páxina web.
Agora deron un paso máis para difundir a súa paixón pola literatura: promoven un concurso de microrrelatos para estudantes de 5º e 6º de primaria e 1º de secundaria da provincia de Pontevedra. Fixérono menos complicado que as míticas sete palabras do microrrelato de Augusto Monterroso (Honduras, 1921-México, 2003): "Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí". Neste caso, a extensión máxima dos textos é de 500 palabras, en galego ou castelán. E xa comezaron a recibir textos. (Poden enviarse microrrelatos ata o día 15 de maio ao correo electrónico clubliteraturacreativa@gmail.com).

Estas estudantes sinalan que non aspiran a ser escritoras profesionais e salientan os beneficios que a súa afección lles aporta na vida cotiá: «Axúdanos coa comprensión lectora, a entender mellor, e, por exemplo, cando temos que facer un comentario de texto. Estamos afeitas a escribir e cando nos piden que fagamos unha redacción na clase non nos supón ningún problema». O vocabulario que empregan para explicar o que fan é outro reflexo das súas lecturas.
Recoñecen que lles custa máis atopar tempo para ler durante o curso escolar, pero aínda así len varios libros ao mes. Contan co apoio de recursos como a biblioteca do Club Beiramar e a Fundación Bancor, que lles permite mercar libros mensualmente.
Esta primeira edición do concurso de microrrelatos é «un programa piloto» e o seu obxectivo é que escritores profesionais formen parte do xurado (o mellor microrrelato recibirá unha tablet). Nos próximos anos, ademais de ampliar o concurso a toda Galicia, queren que os autores das mellores obras participen en obradoiros de escritura creativa. Todo isto promovido por catro adolescentes que son adictas aos libros.
