Venerable Isidoro Zorzano

Isidoro Zorzano Ledesma naceu en Bos Aires o 13 de setembro de 1902.

Cursou o bacharelato en Logroño e estudou despois na Escola de Enxeñeiros Industriais de Madrid, onde obtivo o título o ano 1927.

A súa vida profesional transcurreu primeiro en Málaga, na dirección dos talleres dos Ferrocarrís Andaluces e como profesor da Escola Industrial daquela cidade.

Nunha viaxe a Madrid en 1930 manifestou a san Xosemaría Escrivá, antigo compañeiro de estudos no bacharelato, o seu desexo de entregarse a Deus en medio do mundo, e pediu a admisión no Opus Dei, que daquela comezaba.

Isidoro seguiu coa súa ocupación en Málaga e despois trasladouse a Madrid, onde continuou traballando en empresas ferroviarias. En todas as súas actividades deu testemuño constante da súa fe cristiá.

Viviu exemplarmente a dilixencia no traballo, a lealdade e o espíritu de servizo cos seus colaboradores, o amor a xustiza na promoción de iniciativas a favor dos máis necesitados, a fe e a caridade a través das tarefas de catequese e de formación para os sectores máis abandoados da sociedade.

Fidelidade e amor á Igrexa

Coa súa fidelidade, Isidoro foi sempre un apoio seguro para o fundador do Opus Dei. Durante os anos da guerra civil española (1936-1939), en Madrid, deu probas de heroísmo no amor á Igrexa e no celo polas almas.

Seguindo con perseveranza as ensinanzas de san Xosemaría Escrivá, soubo realizar o traballo en íntima unión con Xesucristo.

Vivía unha presenza de Deus constante ao longo da xornada; a súa vida espiritual estaba marcada por un sentido fondo e tenro da filiación divina, un amor grande á Santísima Virxe, Nai de Deus e Nai nosa, e polo anceio sinceiro de buscar a identificación con Cristo por un intenso espíritu de mortificación e penitencia.

A comezos de 1943 diagnosticaronlle unha linfogranulomatosis maligna. Soportou a dolorosa enfermidade con fortaleza e abandono na vontade de Deus. Unha das enfermeiras que lle asistiu declarou: «Nunca necesitaba nada; para el todo estaba ben; nunca se queixou». Faleceu con fama de santidade o 15 de xullo dese mesmo ano, á idade de corenta anos, e foi enterrado no cemiterio da Almudena. «Era frecuente entre nós —relata un dos seus compañeiros nos Ferrocarrís do Oeste— cando falabamos duns e outros xefes o dicir: ‘Don Isidoro é un santo’».

En 2009 os seus restos foron trasladados á parroquia de San Alberto Magno de Madrid, Rúa Benjamín Palencia, 9, onde repousan actualmente.

Causa de canonización

O proceso informativo sobre Isidoro Zorzano fíxose en Madrid, entre 1948 e 1961. En total declararon 71 testemuñas, entre eles san Xosemaría Escrivá. Posteriormente, por disposición do beato Paulo VI e de san Xoán Paulo II, reformouse a normativa das causas de canonización. Por iso, entre 1993 e 1994 foi instruído un proceso adicional. A Congregación das Causas dos Santos aprobou os dos dous procesos, o informativo e o adicional, no ano 1994.

O 25 de marzo de 2006 foi presentada nese dicasterio a Positio sobre a vida e as virtudes do servo de Deus.

O 17 de novembro de 2015, o congreso peculiar dos consultores teólogos deu resposta positiva á pregunta sobre o exercicio heroico das virtudes por parte de Isidoro Zorzano.

O 13 de decembro de 2016, a sesión ordinaria dos cardeais e dos bispos pronunciouse no mesmo sentido.

O mércores 21 de decembro de 2016, o Papa Francisco recibiu do cardeal Angelo Amato, prefecto da Congregación das Causas dos Santos, unha relación detallada das fases da causa, ratificou o voto da Congregación das Causas dos Santos e autorizou que se publique o decreto polo que se declara venerable ao servo de Deus Isidoro Zorzano.