O galego Rafael Arias escribe o cómic “Tomás y Paquita. Juntos hasta el cielo"

A biografía destes supernumerarios do Opus Dei está ilustrada polo deseñador gráfico Juan Juvančič, autor de curtas de animación e cómics publicados en España, Eslovenia e Croacia.

Tomás e Paquita formaron unha familia numerosa

"La historia de amor entre Paquita y Tomás empezó en un tren". Este é o comezo do libro Tomás e Paquita. Juntos hasta el cielo (Editorial Le Laurier). A historia deste matrimonio de supernumerarios do Opus Dei está escrita polo xornalista, avogado e teólogo galego Rafael Arias Villalta, ordenado sacerdote cando tiña 52 anos. As ilustracións son de Juan Juvančič, autor de curtas de animación traducidas a moitos idiomas e de cómics publicados en España, Eslovenia e Croacia.

Este cómic conta a vida de Tomás Alvira e Paquita Domínguez que formaron unha familia numerosa e con fe e xenerosidade transmitiron un exemplo de vida cristiá. A súa existencia ensina que se pode buscar e amar a Deus na vida cotiá a través das tarefas familiares, profesionais e sociais.

Tomás Alvira Alvira naceu en Villanueva de Gállego (Zaragoza) o 17 de xaneiro de 1906 e faleceu en Madrid o 7 de maio de 1992. Doutor en Ciencias Químicas, Investigador do CSIC e Catedrático de Instituto de Ciencias Naturais.

Paquita Domínguez Susín naceu en Borau (Huesca) o un de abril de 1912 e morreu en Madrid o 29 de agosto de 1994. Era mestra. Casaron en Zaragoza o 16 de xuño de 1939. Tiveron nove fillos, dos cales o primeiro, José María, morreu aos cinco anos. A familia trasladouse a Madrid en novembro de 1941, cando Tomás incorpórase ao seu posto de profesor no Instituto Ramiro de Maeztu.

Ambos foron Supernumerarios do Opus Dei: Tomás desde o 15 de febreiro de 1947 e Paquita desde o un de febreiro de 1952. Fieis ao espírito do Opus Dei, transmitiron aos seus fillos e a moitas outras persoas un exemplo de vida cristiá. En palabras de san Josemaría Escrivá de Balaguer, fixeron da súa casa "un fogar luminoso e alegre".

Santificáronse no exercicio heroico e perseverante das virtudes cristiás. A Santa Misa constituíu o centro e a raíz da súa vida interior. Axudados pola graza divina e tentando permanecer na presenza de Deus, souberon encher de contido sobrenatural as súas tarefas ordinarias, familiares, profesionais e sociais. A primeira fase dos procesos de beatificación de Tomás e Paquita rematou en Madrid no mes de setembro de 2012. Este cómic remata contando varios favores atribuidos a súa intercesión.