Biografía de San Xosemaría

Vida de san Xosemaría Escrivá de Balaguer (1902-1975), fundador do Opus Dei.

San Xosemaría foi canonizado na Praza de san Pedro o 6 de ocubre de 2002.

Xosemaría Escrivá de Balaguer naceu en Barbastro (Huesca, España) o 9 de xaneiro de 1902. Os seus pais chamábanse José e Dolores. Tivo cinco irmáns: Carmen (1899-1957), Santiago (1919-1994) e outras tres irmás máis pequenas ca el, que morreron cando eran nenas. O matrimonio Escrivá deu aos fillos unha fonda educación cristiá.

En 1915 quebrou o negocio do pai, comerciante de texidos, e a familia houbo de trasladarse a Logroño, onde o pai comezou outro traballo. Nesa cidade, Xosemaría, despois de ver unhas pegadas na neve dos pes descalzos dun religioso, intúe que Deus desexa algo del, aínda que non sabe exactamente que é. Pensa que poderá descubrilo máis doadamente se se fai sacerdote, e comeza a prepararse primeiro en Logroño e máis tarde no seminario de Zaragoza.

Seguindo o consello de seu pai, na Universidade de Zaragoza estuda tamén a carreira civil de Dereito como alumno libre. D. José Escrivá morre en 1924 e Xosemaría queda como cabeza de familia. Recibe a ordenación sacerdotal o 28 de marzo de 1925 e comeza a exercer primeiro nunha parroquia rural e logo en Zaragoza.

En 1927 trasládase a Madrid con permiso do seu bispo para obter o doctorado en Dereito. En Madrid, o 2 de outubro de 1928, Deus lle fai ver o que esperaba del, e funda o Opus Dei. Dende aquel día traballa con todas as súas forzas no desenrolo da fundación que Deus lle pide, ao tempo que continúa co ministerio pastoral que ten encomendado, e que lle pon en contacto coa enfermidade e a pobreza en hospitais e en barriadas populares de Madrid.

Cando estoupa a guerra civil, en 1936, Xosemaría Escrivá atópase en Madrid. A persecución religiosa obrígalle a refuxiarse en diferentes lugares. Exerce o seu ministerio sacerdotal clandestinamente, ata que da saído de Madrid. Despois dunha travesía polos Pirineos ata o sur de Francia, trasládase a Burgos.

O día da súa canonización, Xoan Pablo II dixo que San Josemaría é "o santo do ordinario".

Cando remata a guerra civil, en 1939, volve a Madrid. Nos anos seguintes dirixe numerosos exercicios espirituais para laicos, para cregos e para relixiosos. No mesmo ano 1939 remata os seus estudos de doutoramento en Dereito.

En 1946 fixa a súa residencia en Roma. Obtén o doutoramento en Teoloxía pola Universidade Lateranense. É nomeado consultor de dúas Congregacións vaticás, membro honorario da Pontificia Academia de Teoloxía e prelado de honra da Súa Santidade. Segue con atención os preparativos e as sesións do Concilio Vaticano II (1962-1965), e mantén un trato intenso con moitos dos pais conciliares.

Dende Roma viaxa en numerosas ocasións a distintos lugares de Europa para dar pulo ao establecemento e consolidación do traballo apostólico do Opus Dei. Co mesmo obxecto, entre 1970 e 1975 fai longas viaxes a México, á Península Ibérica, América do Sur e Guatemala onde, ademais, ten reunións de catequese con grupos numerosos de homes e mulleres.

Falece en Roma o 26 de xuño de 1975. Varios milleiros de persoas, entre elas numerosos bispos de distintos países -en conxunto, un tercio do episcopado mundial-, solicitan á Santa Sé a apertura da súa causa de canonización.

O 17 de maio de 1992, Xoán Paulo II beatifica a Xosemaría Escrivá de Balaguer. Proclámao santo dez anos despois, o 6 de octubro de 2002, na praza de San Pedro, en Roma, diante dunha gran multitude. “ Seguindo as súas pegadas”, dixo daquela o Papa na súa homilía, “espallade na sociedade, sen distinción de raza, clase ou idade, a conciencia de que todos estamos chamados á santidade”.