Mariños solidarios

Chámome Héctor, son do Opus Dei e estou destinado nunha fragata da Armada Española en Ferrol. Ao saber que con motivo dunhas manobras no mar Vermello, iamos facer unha escala de 4 días nun dos países máis pobres do mundo, un grupo de oficiais decidimos aproveitar a ocasión para axudar.

A República de Yibuti, ou Djibouti en francés, é un pequeno país situado no corno de África xunto a Somalia e Etiopía, que foi colonia francesa ata o ano 1977. É un dos países máis cálidos do mundo, o que dificulta gravemente o seu desenvolvemento económico.

Un grupo de oficiais da Armada Española, que víramos a pobreza e o subdesenvolvemento no que se atopa o país, decidimos promover algunha iniciativa para axudar a paliar as necesidades máis urxentes da poboación, dentro das limitacións que supón estar nunhas manobras militares e con só catro días nese país. Movíannos as ensinanzas de San Xosemaría.

Pensamos que o máis axeitado ás nosas posibilidades era realizar unha entrega de axuda humanitaria, polo que había que concretar qué tipo de axuda sería a máis útil para a poboación de Djibouti. Foi entón cando despois de diversas xestións conseguimos o teléfono de D. Armando, párroco da única igrexa católica daquela zona, e xestor da oficina de Cáritas local.

Dirixímonos a el e despois de agradecernos a iniciativa, díxonos que necesitaban con urxencia medicamentos, en especial antibióticos, e diverso material para facer curas, así como cueiros e medicinas para bebés, xa que se trata dun material moi difícil de conseguir alí.

No colexio de Djibouti

Comezamos entón a campaña de recollida de medicamentos, e enviamos cartas a colexios, fundacións, farmacias e ONG de Ferrol, onde ten a súa base o noso barco, explicándolles a iniciativa e as necesidades.

A resposta non se fixo esperar; aos poucos días de enviar as cartas solicitando a axuda, chegounos ao barco un cargamento de aproximadamente unha tonelada cos medicamentos solicitados. Remitíao unha Fundación.

Nas semanas seguintes chamáronnos dos colexios, farmacias e ONG para que fósemos buscar os cargamentos que tiñan para nós.

A acollida da iniciativa de Axuda Humanitaria foi tan boa que nos vimos desbordados de tanto material, e por problemas de espazo no barco non puidemos levar todo o que nos ofrecían.

Uns pais do Clube Xuvenil Roiba de Ferrol tamén quixeron colaborar e trouxéronnos montóns de libras de chocolate para os nenos de Djibouti. Non estabamos moi seguros de que o chocolate fose un tipo de axuda especialmente apreciada por D. Armando, pero ante a insistencia dos pais doadores do Club levámolo entre o cargamento de Axuda. Na recollida de material, participou toda a dotación do barco gustosamente.

Chegamos a Djibouti, despois dun mes de manobras, e ao chegar a porto empezou a negociación para a entrega da Axuda Humanitaria a D. Armando. Ao ser unha iniciativa particular, e polo tanto non oficial, as negociacións coas autoridades locais non foron doadas.

Por fin, despois de varias xestións na autoridade portuaria e cos axentes locais, conseguimos cargar o camión para entregar a Axuda Humanitaria en Cáritas de Djibouti así como as libras de chocolate que repartimos nun Colexio e que foron todo un éxito.

Na descarga participaron uns trinta membros da dotación, incluído o Comandante do barco. Algúns deles, ao ver a alegría dos que recibiron a Axuda, así como as moi precarias condicións en que vivían decidiron reformularse o verdadeiro valor das cousas, tomar a súa vida cristiá máis en serio e empezaron a acudir a Misa con frecuencia.

Como en moitas iniciativas solidarias, ao final os que reciben máis son os que dan.