Escriva.org, unha nova páxina web para afondar na mensaxe de san Josemaría

Os libros de san Josemaría ofrecen suxestións para quen quere ser atopado por Deus na súa vida ordinaria. En 1939 publicouse o primeiro: "Camiño". O lanzamento da nova páxina web escriva.org facilita agora o acceso a numerosos escritos do fundador do Opus Dei, entre eles os libros de homilías "É Cristo que pasa" e "Amigos de Deus", traducidos ao galego por Araceli Filgueira Iglesias.

Un buscador especialmente eficaz, categorías por materias, máis de 20 idiomas, un deseño claro e sinxelo, facilidade de lectura e velocidade de carga en conexións lentas son algunhas das novidades da nova web.

As innovacións desta nova web centráronse en dar solucións aos catro problemas que se identificaban na antiga escrivaobras.org: os idiomas dispoñibles e os problemas de visión, de conexión e compatibilidade de dispositivos. Actualmente en escriva.org ofrécense traducións a 24 idiomas —xa que non se dixitalizaron todas as 142 traducións de Camiño— e as que se preparen iranse engadindo progresivamente. Entre elas está a tradución ao galego que fixo Luciano Armas, publicada en 1991, e que actualizaba a de 1968 feita por Armando Vázquez Crespo.

Tamén están pendentes da dixitalización outros libros de Escrivá de Balaguer traducidos ao galego por Araceli Filgueira Iglesias como son Conversacións con… e Santo Rosario, ademais de Vía Crucis, traducido por Luciano Armas.

Respecto das persoas que teñen problemas de visión, con dificultade para ver con pouco contraste ou que non ven nada, en escriva.org escóllense fontes, fondos e cores de forma que axuden a navegar pola web dun xeito amigable e sinxelo.

Por outra banda, a web adaptouse para que funcione de forma correcta e fluída nos países que non dispoñen de conexión a internet de banda ancha. Cos cambios introducidos, os tempos de carga redúcense na maioría dos países e tamén nos dispositivos móbiles desde os que se accede: os máis sinxelos ou antigos tamén notarán melloras con respecto á web anterior.

Como aproveitar escriva.org?

As obras de san Josemaría publicadas neste portal suman varios miles de páxinas, cun contido amplo e rico. Para aqueles usuarios que queiran buscar citas ou ideas concretas segundo un determinado campo temático, creouse un índice que agrupa todos os textos por temas.

A páxina tamén ten un potente motor de busca que che permite localizar rapidamente calquera palabra e atopar citas facilmente. A partir de agora será máis doado, por exemplo, escoller unha referencia de san Josemaría sobre a santificación do traballo, o amor ao Papa ou a filiación divina.