Dous novos sacerdotes galegos

Uxío Rojo Otero, natural de Pontevedra, e Rodrigo Ayude Puga, orixinario de Melide (A Coruña) son dous dos 25 fieis do Opus Dei que foron ordenados o pasado mes de maio en Roma polo prefecto do Dicasterio para o Clero, cardeal Lazzaro You Heung-sik. Rodrigo celebrou a súa primeira Misa en Melide e Uxío en Pontevedra e Bueu

Uxío Rojo e Rodrigo Ayude foron ordenados en Roma polo prefecto do Dicasterio para o Clero, o cardeal Lazzaro You Heung-sik

O cardeal surcoreano díxolles aos novos sacerdotes: “El [Cristo] non os fai os seus instrumentos só por un período, senón para sempre. Hoxe establécese unha nova unión entre vós e Xesús, que nunca se disolverá”.

Tamén o prelado do Opus Dei, don Fernando Ocáriz Braña, dirixiuse aos novos sacerdotes ao remate do acto, que tivo lugar na igrexa de San Eugenio, para dicirlles: “Como ben sabedes, en momentos de dificultades, que non faltarán, atoparedes a forza na celebración da Eucaristía, na oración, no sacramento da Reconciliación, na dirección espiritual”.

Rodrigo Ayude celebrou a súa primeira Misa en Melide o pasado 10 de xullo. Mentres se atopaba na súa terra, participou na procesión do Corpus, que conta cunha profunda devoción entre os fregueses da vila.

O novo cura é xornalista e exerceu a súa profesión en Galicia e tamén en Roma. Ademais de dedicarse á consultaría de comunicación institucional, foi vaticanista e colaborador de medios latinoamericanos, guionista da axencia Rome Reports -coautor, por exemplo, do documental Francisco, visto por el mesmo - e promotor de portais de información especializados sobre a Santa Sede.

Uxío Rojo celebrou a súa primeira Misa na igrexa de San Xosé de Pontevedra, o sábado 9 de setembro. O día seguinte tamén celebrou en Bueu, localidade na que fora bautizado e da que fora alcalde o seu avó, José Otero Baena.

Uxío fixo enxeñería de telecomunicacións na Politécnica de Madrid, seguido dun máster na Universidade de Vigo. Explica que durante dous anos estivo traballando en Luxemburgo “deseñando e implementando aplicacións web para xeolocalización e visualización de datos para servizos ambientais”. En 2014, foi a Roma, á Universidade Pontificia da Santa Cruz, para licenciarse en Filosofía, na especialidade de metafísica e ciencias. O seu doutoramento en filosofía móvese, detalla, “no campo da fenomenoloxía, sobre a esencia da comunidade en Max Scheler e Dietrich von Hildebrand”.