A cátedra de Benedicto

O Vicario do Opus Dei en Galicia publica este artigo en El Correo Gallego o 6 de novembro co gallo da visita de Benedicto XVI a Santiago de Compostela

Ao entrar na Basílica de San Pedro, en Roma, enxérgase ao fondo da nave unha inmensa cátedra barroca de bronce macizo: simboliza a dimensión docente do papado.

Grande parte dos analistas ven en Benedicto XVI un profesor universitario, trazo que discorre no mesmo sentido que a súa función maxisterial. A mentalidade universitaria configura unha actitude ante a realidade, decantada por tempos de reflexión, estudio, lectura, relación con colegas, investigación e contraste intelectual con grandes pensadores.

Ratzinger non só non perdeu ese trazo ao converterse en Benedicto XVI, senón que aparece como un dos seus principais activos. Transparéntase en todas as súas ensinanzas, non só no contido mesmo da doutrina, senón tamén na forma en que a presenta á humanidade. Aquí a forma é tamén un ensino, unha mensaxe.

O ton das súas encíclicas e discursos é propositivo, tratando de poñer cada unha e cada un ante a Persoa de Cristo, que mostra ao home o que é o home. Non vende ideas, presenta a unha Persoa. Ese ton supón un respecto profundo pola persoa, pola súa dignidade e liberdade, pola súa razón, pola súa conciencia. A verdade non se impón, proponse, como sinalaba repetidamente Xoan Paulo II. Ese é o camiño tomado por Benedicto XVI dende a súa elección. Sabe que a verdade ten a súa propia potencia persuasiva, que corresponde coa aspiración á verdade inscrita en cada persoa.

¿E onde aprendeu o Papa? ¿Quen foi o seu padriño? O seu Mestre era e é Cristo, que tampouco se quere impoñer ao ser humano. A cátedra de Cristo foi o presebe de Belén, a cruz en Jerusalén e é hoxe o silencio propositivo da Eucaristía. Estes son os campus de Deus e dende eles fálanos máis que en todas as parábolas do Evanxeo. Deus proponnos amar como fórmula de plenitude de vida. Pero a ninguén se lle pode obrigar a amar nin a aceptar o amor ofrecido. Deus ama e espera. Amar é arriscar. Ou dito en palabras de San Xosemaría Escrivá: Así me explico eu eses dous mil anos de espera do Señor na Eucaristía. É a espera de Deus, que ama os homes, que nos busca, que nos quere tal como somos -limitados, egoístas, inconstantes-, pero coa capacidade de descubrir o seu infinito agarimo e de entregarnos a El enteiramente.

Benedicto XVI esfórzase en mostrar a verdade dende a humildade e o amor. Pero non renuncia a ela. Trata, como un bo profesor, de facela próxima, de desanoar o difícil, de explicar o implícito, de iluminar o escuro. Amar a persoa e respectar a verdade, ese podería ser o seu lema.

O respecto á verdade é respecto á razón. A razón asistida pola fe. O Papa está convencido da fecundidade do diálogo entre as dúas instancias. Son dúas ás para voar. Roubando unha imaxe a C.S. Lewis, a fe e a razón son as dúas pezas dunhas tesoiras. Só as dúas xuntas cortan a tea do real.

A esa actitude de Benedicto XVI, Santiago responderá sen dúbida co talante universitario forxado ao longo de 515 anos: o sentido de apertura, a visión universal, a disposición a escoitar e a busca da verdade. Ademais, para os crentes, que son a gran maioría, a alegría e o amor de ter o pai común na nosa casa.

Ángel Lasheras Presas/El Correo Gallego