Unha enfermeira viguesa no inferno do Congo

Candelas Varela é unha viguesa nova que está vivindo en primeira persoa o conflito do Congo, país centroafricano sumido nunha cruenta guerra civil... (Extracto do Faro de Vigo, 23-XI-08)

Candela diante das obras do novo edificio do Hospital Monkole

Cando Candelas decidiu exercer a súa profesión de enfermeira na República democrática do Congo, sabía que tería que afrontar situacións difíciles, vivir de cerca a miseria, a falla de medios básicos para curar, pero o que non podía, seguramente, sospeitar é que, dos once anos que leva alí, sete deles viviunos nun país en guerra...

"Soñaba con ir a África, achegar o meu grao de area para o desenvolvemento...". Quería axudar e propuxéronlle entón ir ao Congo. "E aquí vin, e non me arrepinto. En realidade son once anos xa, pero pasaron coma se fosen un ou dous e, a pesar da guerra que parece interminable, volvería a tomar a mesma decisión...".

Candelas admira o pobo congoleño, que en realidade é un pobo tranquilo, que se adapta facilmente e sabe vivir con moi pouco. Gústalles máis bailar que traballar, aínda que teñen habilidades manuais e son decididos. "De nada sempre sacan algo, é un pobo que sabe acoller, ser alegre e sobrevivir onde outros morreron...".

Coñece de cerca algúns problemas actuais graves: as altas cifras de nenos-soldado, os problemas políticos e militares con outros países pola defensa do territorio ou o control dos seus ricos recursos naturais (especialmente o coltán), a falla de medios sanitarios...

Para axudar a poboación, decidiu hai anos ir a este país, onde traballa con entusiasmo como directora da Escola de Enfermería do Hospital Monkole, iniciativa de axuda ao desenvolvemento promovida por persoas do Opus Dei, xunto con cooperadores e amigos de diversos países, para intentar axudar ao Congo no aspecto sanitario. Formar profesionais nativos que poidan atender a poboación é o seu obxectivo desde hai anos... E tamén necesitan loitar diariamente por atender aos desprazados, os feridos, etc.

Candela cunha alumna da súa Escola de Enfermería

Foi preciso ademais abrir camiño e facer ver que as mulleres podían ser tamén enfermeiras, e non só os homes e que non é un traballo de segunda clase, senón unha grande achega social, un servizo importante e necesario.

 "A nosa asociación CECFOR cre no desenvolvemento a través da formación, do intercambio de experiencias. É un traballo a moi longo prazo para o que é esencial ter paciencia. Pero claro, cando hai inestabilidade política é moi difícil traballar". Aínda así, non faltan os proxectos: "Entre os que estamos desenvolvemento -refire- hai un financiado pola cooperación española para a formación de 2.300 enfermeiros en saúde infantil, hixiene hospitalaria e educación para a saúde. Tamén temos outro que sería financiado pola Unión Europea, e mesmo contemplamos a construción dun novo Hospital, pois o actual quedou pequenísimo, e se hai algo que verdadeiramente fai falla aquí son os hospitais".  

Os días pasan para Candelas traballando... "A verdade é que non fago nada especial, traballo, traballo, traballo... Por suposto, rezo, e, no meu escaso tempo de lecer, vou de excursión, escoito música, vexo cine por TV, e procuro non perder un partido de Rafa Nadal, se o emiten...".

Candelas aprendeu moito dos congoleses e está decidida a seguir promovendo a súa capacitación profesional, para que poidan desenvolver o seu país, coa súa propia cultura e os seus abondosos recursos humanos e naturais.

 En palabras do Faro de Vigo, é “Una viguesa no corazón ferido de África….”.