Un proxecto diferente

“Non queda máis remedio que estudar, non hai tempo para outra cousa”, sinala Marcos, alumno do ciclo de grao medio de Explotacións Agrarias que se imparte na EFA Fonteboa, en Coristanco (A Coruña). E non lle falta razón.

As EFA comezaron en Galicia hai máis de 30 anos

Unha xornada en Fonteboa

O día comeza ás 8 da mañá. Hai que asearse e facer a cama. Despóis ven o almorzo ao que sigue unha hora de estudo obrigatoria e previa ás clases, que se prolongan ata as dúas da tarde. A esa hora os propios alumnos, por quendas, colocan a mesa e serven o almorzo aos seus compañeiros.

Durante a tarde, as clases son de 15.30 a 18.00 horas. Despois veñen horas de lecer antes da cea e outra hora de estudo antes de irse para a cama. “O ritmo de traballo lévase ben –sinala Marcos-, porque ao pasar tanto tempo xuntos acabamos sendo coma unha familia”. Este escolar, que leva catro anos no centro, loa a forma en que se encaran os conflictos que xurden na convivencia cotiá onde, relata, priman sempre o diálogo e as boas formas. “Se hai problemas non chaman directamente aos teus pais como noutros sitios, senón que se fala e se tenta buscar unha solución ao problema”.

Luis García Fernández, director da escola durante 11 anos e agora coordinador de actividades e profesor, non esconde a súa ilusión por un proxecto que leva 30 anos funcionando con moi bos resultados. “Seguimos a traballar coa mesma ilusión que ao principio, pois cremos firmemente neste proxecto”.

No tocante á formación dos estudantes da EFA –segundo ciclo de ESO e grao medio, (Explotacións Agrarias)-, García Fernández resalta que os estudantes coinciden diariamente con outros rapaces do medio rural, o que supón para eles confrontar experiencias e valores engadidos á formación. Por último, non dubida en afirmar que “a finca de prácticas é a propia explotación e o laboratorio é o seu pobo. Nas EFA procuramos preparar aos alumnos non para emigrar mellor, senón para quedarse con dignidade e satisfación no seu medio”.