Un premio de cine

A curtametraxe "War Cry" (Grito de guerra) do club xuvenil Rueiro foi premiada como “mellor película” na XIV edición do Festival Amateur de vídeo Xuvenil de Vitoria-Gasteiz “Gaztebideo”

Este thriller de acción de 20 minutos de duración foi galardoado con catro premios: Mellor película, Mellor actor principal (Manu Perala), Mellor actor secundario (Borja Sánchez) e Película máis divertida. 

Medio centenar de películas procedentes de Bilbao, Ámsterdam, Huesca, Rennes, San Sebastián, Palma de Mallorca, Laguardia, Alaquás e A Coruña presentáronse a concurso.

"Este festival pretende servir de escenario para premiar ás producións argumentais realizadas por actores e realizadores novos, xa que non existe ningún da súa categoría", sinalou Carmelo Sáenz, director do Festival.

O xurado, composto por personalidades do sector audiovisual español, repartiu os 15 galardóns do certame.

“War Cry”, dirixida por Pedro Santos, trata dun novo axente secreto ao que o seu pasado lle persegue e que terá que enfrentarse a un presente trepidante de acción para asegurar o seu futuro.

Nesta curtametraxe interveñen 25 actores novos de 16 anos e rodouse durante catro días na Coruña, A Golada e na casa de turismo rural de San Xurxo, no concello de Santiso.

Historia do Gaztebideo 

Dende o ano 1993 a Asociación Xuvenil Indar organiza o Gaztebideo (Festival Amateur de Vídeo Xuvenil de Vitoria-Gasteiz). En palabras do director do festival, Carmelo Sáenz, “eramos conscientes de que organizacións xuvenís, centros educativos e persoas individuais produciron cortos de maior ou menor calidade, pero coas características de non ser de carácter profesional e con rapaces como protagonistas”.