Tecendo por Siria

Ante a avalancha de refuxiados de Siria en Europa e a situación precaria dos campamentos de desprazados, son moitas as iniciativas persoais que se puxeron en marcha para achegar un graíño de area que axude a paliar en algo a situación. Unha delas é tecer por Siria e así o contaron no programa A Revista da TVG.

En Vigo, Katu Martínez Iturbe e un grupo de amigas querían facer algo que dese calor ás persoas que van pasar o Nadal nun campo de refuxiados e decidiron tecer mantas e roupa de abrigo e enviarllas aos campos de refuxiados.

Cóntao ela: “Siria, un territorio cun pasado de enorme riqueza histórica e arqueolóxica sofre unha devastación dende hai anos. Unha terra onde se estenderon civilizacións antigas e vellas comunidades cristiás antes da expansión musulmá, está padecendo un conflito sanguento que obriga a moitas persoas a fuxir do país.

Katu Martínez-Iturbe (izda.), xunto a dúas amigas, no taller de costura.
Ao coñecer a terrible crise humanitaria de Siria e ante a situación dramática dun país devastado pola guerra, un grupo de amigas quixemos facer algo pronto. Son persoas que foxen e que perderon todo, deixaron a casa, o coche, a súa educación, a súa liberdade, nenos e adultos afogados no mar, masacres, campos de desprazados ateigados, moitos deles con hipotermia, pronto comezaba o inverno e aínda sería peor.

Puxémonos en contacto con AAPS (Asociación de Axuda ao Pobo Sirio) e a partir de aí fomos concretando o plan.

Ocorréusenos que podiamos enviarlles mantas e outras roupas de abrigo: gorros, bufandas, ponchos… Algunhas sabiamos tecer, outras foron aprendendo. A modiño, coma unha grande rede, fóronse sumando moitas outras persoas e agora somos máis de cen.

Buscamos un lugar axeitado, para reunirnos e tecer as mantas, a base de pezas soltas de distintas cores que logo cosemos. Pensamos que unha cafetería podería ser un bo lugar e falamos cunha moi céntrica de Vigo (Victoria’s Bakery Shop) que acolleu a idea con entusiasmo. Tomamos un café e tricotamos alí. A verdade é que empezamos a ir un par de horas, unha tarde, pero agora somos moitas persoas e é preciso ir dúas tardes enteiras e unha mañá.

"Hay algunhas familias implicadas onde cada un, según a súa idade, tece a súa maneira e aportan o seu traballo".
Ademais, hai moita xente, de puntos distintos, que se van sumando á iniciativa. Unha escola infantil da cidade reuniu un grupo de nais que tecen e nos envían os seus traballos semanalmente. Unha ou dúas de nós está con elas ese día e diríxelles a tarefa, mesmo van con outros fillos maiores, de 8 a 10 anos, que tamén calcetan. Ademais, hai algunhas familias implicadas nas que cadaquén, segundo a idade, tece á súa maneira e achegan o seu traballo. Tamén desde algunhas catequeses se mobilizaron e nos envían cousas.

Necesitabamos un punto de recollida para gardar todo o material e xa o temos. A Autoridade Portuaria de Vigo cedeunos unha nave para a almacenaxe en Bouzas. Unha empresa privada (MAFRIVA) quixo colaborar limpando e adecentando o lugar para a súa posta a punto e ademais prestounos 30 palés. Tamén imos recoller material sanitario, material hospitalario, material de protección civil e outros recursos necesarios. Unha empresa de mensaxería (SEUR) colabora gratuitamente co transporte.

"Sabemos que a nosa axuda é coma un grano de arena no mar…. Pero queremos que saiban que os temos presentes e que contan con todo o noso agarimo".
Sabemos que a nosa axuda é un grao de area no mar… Pero queremos que saiban que os temos presentes e que contan con todo o noso cariño. Gustaríanos ofrecerlles esperanza nestes difíciles momentos e gritar: ¡Non estades sós! Desde Vigo recordámosvos e seguiremos axudando.

Tamén imos recoller material sanitario, hospitalario, de protección civil e outros recursos necesarios

Vemos con dor e tristeza que algúns destrúen alí templos cristiáns, obras de arte e monumentos sirios dun valor incalculable, pero o que nunca destruirán é o amor e a solidariedade entre os homes, que tamén desde Vigo queremos ofrecer aos sirios e ao mundo enteiro”.