Remata a fase diocesana do proceso de canonización de Encarnación Ortega

Mons. Blázquez, arcebispo de Valladolid (España), destaca o seu exemplo na enfermidade e o seu traballo no eido da moda.

O Arcebispo destacou a achega moderna e cristina de Encarnita ao mundo da moda. Foto: Enrique Serrano.

Monseñor Ricardo Blázquez Pérez, Arcebispo de Valladolid, clausurou onte á noite a fase diocesana do proceso de canonización da Serva de Deus Encarnación Ortega Pardo (1920-1995), fiel da Prelatura do Opus Dei desde 1941.

O arcebispo destacou que "esta celebración ten moito que dicirnos". Por unha banda referiuse á "proximidade no tempo e no espazo", pois viviu máis de vinte anos en Valladolid, e subliñou a súa vida exemplar, na que conxugou o traballo no campo da moda co apostolado.

Encarnita deixou moitas amigas despois de 25 anos en Valladolid. Foto: Enrique Serrano.

Mons. Blázquez explicou que Encarnación Ortega "recibiu o toque de Deus tras asistir a un retiro predicado por san Xosemaría , fundador do Opus Dei" e que a súa vida foi "un testemuño elocuente" de amor a Deus, tamén no modo con que afrontou a enfermidade.

No acto pecháronse e lacraron as caixas que conteñen os máis de cinco mil folios coas probas documentais e testificales reunidas polo tribunal desde marzo de 2009, e que serán enviadas para o seu estudo á Congregación para as Causas dos Santos.

Mons. Blázquez asina as actas do Proceso. Foto: Enrique Serrano.

Encarnación Ortega foi unha das primeiras mulleres do Opus Dei e dedicou a súa vida á evanxelización, tanto en España como noutros países e especialmente en Valladolid, onde viviu e traballou os últimos vinte e cinco anos da súa vida.

Para o postulador da Causa, Xosé Carlos Martín da Hoz , "o celo da Serva de Deus a favor da muller, sen distincións de ningún tipo, o impulso de diversas tarefas de formación, asistenciais e educativas, e o seu traballo no campo da moda para favorecer a dignidade da muller, fanlle ser un bo exemplo para a evanxelización do mundo en que vivimos".

Encarnación Ortega Pardo foi unha das principais colaboradoras do Fundador do Opus Dei. Con el traballou en Madrid e Roma até 1961, ano en que regresou a España.

En 1980 diagnosticóuselle un cancro. Conviviu coa enfermidade durante quince anos, sen diminuír por iso o ritmo de traballo. A súa vida de piedade levouna a converter a amizade humana en ocasión de axudar aos demais a atopar a Xesucristo. Faleceu con fama de santidade en Valladolid o 1 de decembro de 1995. Desde entón, esa fama de santidade foise estendendo polo mundo enteiro e son moitas as persoas que alcanzan de Deus grazas e favores a través da súa intercesión .