"O sacerdote é un supercondutor que comunica a graza de Deus sen perdas"

Ordénase en Torreciudad o enxeñeiro industrial vigués Diego Pérez Gondar, profesor da Escola de Enxeñeiros de Vigo e do colexio Montecastelo.

Diego Pérez no Santuario de Torreciudad

Non estaba nos plans de Diego Pérez Gondar ordenarse sacerdote, pero si nos de Deus. A vida deste enxeñeiro, membro do Opus Dei, discorría entre o ensino universitario e a atención a novos da Asociación Albeiro de Vigo, cando decidiu estudar teoloxía en Pamplona. O pasado 6 de setembro, foi ordenado sacerdote no Santuario de Torreciudad (Huesca) polo Prelado do Opus Dei, monseñor Javier Echevarría.

Tras a cerimonia, á que asistiron familiares, amigos e ex-alumnos de Diego (parte deles nun autobús do colexio Montecastelo ), o seu avó Juan, de 92 anos dixo que " nunca soñei con ter un neto sacerdote, pero estou moi orgulloso de telo ", e a súa avoa Parisina sentiuse moi emocionada sobre todo " pensando no recibido polo meu neto, que é o máis grande". ¿Que recordos ten da súa non tan afastada época de docencia na Universidade e no colexio?

Paseimo en grande nos laboratorios da Escola de Enxeñeiros, automatizando bancos de probas e facendo ensaios cos alumnos, por exemplo no túnel de vento. O último curso no colexio, antes de ir á universidade, é un momento moi interesante da vida da xente nova. Gocei moito con esa xente tan estupenda que tiven nas miñas clases, ensinando, esixindo, animando e aprendendo.

¿Como coñeceu o Opus Dei?

Coñecín a Obra na miña Parroquia (San Pablo en Vigo) grazas ao párroco, Daniel Bermúdez e empecei a ir á Asociación Albeiro (na que hai un Club xuvenil do Opus Dei) cun compañeiro de clase no Instituto que xa ía por alí. Alí descubrín un mundo de respostas ás miñas inquietudes humanas e sobrenaturais.

¿Que o moveu a ordenarse sacerdote?

O Prelado do Opus Dei impoñendo as mans a Diego

Non estaba nos meus plans, pero Deus fíxome entender que ese era o seu plan. Isto xurdiu da oración frecuente, xa que coido -dende hai anos- dedicar diariamente dous anacos de media hora a falar con Deus. Tamén influíu moito a vida exemplar de moitos sacerdotes que se cruzaron na miña vida. Curas que se pasan horas no confesonario e que están moi entregados, como o Santo Cura de Ars, que a Igrexa pon como referencia neste ano sacerdotal.

Pero ¿vostede xa era do Opus Dei antes de ordenarse?

Efectivamente, non se entendería nada do paso que dei se non se comprende que o radical foi a miña decisión de ser da Obra en 1991. Dende ese ano procurei loitar por vivir a tope a vocación cristiá á santidade. A ordenación que acabo de recibir é unha nova concreción do plan de Deus para min. Non é un cambio de camiño.

¿Fan falta sacerdotes na Igrexa e en concreto en Galicia?

Supoño que si e moi santos. En xeral, na Igrexa, penso que Deus manda sacerdotes en función das necesidades dos fieis. Se os fieis dan pouco traballo, enviará poucos. Pero, non podemos esquecer que ao mesmo tempo, a situación dos fieis depende, en boa medida, de como estean os sacerdotes. Como é un don de Deus o sacerdocio, estou convencido de que á Igrexa nunca lle faltarán sacerdotes, aínda que, por outro lado, hai que poñer os medios para que os que sexan chamados por Deus poidan dicir que si, e estean ben preparados.

¿Que perfil debe ter o sacerdote no século XXI?

Contéstolle como a min me axudaron a prepararme: con cultura e formación, que sexan normais, xente con virtudes e moi piadosos.

¿Son rendibles para a sociedade os sacerdotes?

Home eu opino que si. Pola formación que recibiu, pode axudar moito aos seus irmáns, que se atopan un pouco desconectados de Deus. Na carreira estudei moito os supercondutores, que son materiais con propiedades para transmitir sen que haxa perdas. Pois isto é o que ten que ser o sacerdote: un supercondutor que comunica a graza de Deus sen perdas. Neste sentido o sacerdote, é a persoa designada por Deus para reconectar a muller e o home con Deus. Isto farao mellor se é fiel ao Maxisterio da Igrexa, se obedece ao que esta dispón.

Antes aludía ao cura de Ars que agora a Igrexa o conmemora ¿Suxírelle algo esta coincidencia?

Dáme moita alegría pero como di vostede é pura coincidencia ou mellor dito, é pura providencia divina. Axúdame moito pensar na figura deste gran santo e espero que me axude a ser un bo confesor, como o era el, que pasaba moitas horas sentado no confesonario. Aínda que, o modelo de sacerdote que intentarei seguir é o de San Josemaría, o fundador do Opus Dei.

¿Onde exercerá o seu ministerio?

En Vigo e respecto ao meu futuro afastado dígolle a verdade, dáme igual. Teño claro que se da miña ordenación dependese que unha alma atormentada se convertese e se confesase..., xa pagaría a pena todo.

Perdón pola pregunta, ¿vivirá como un cura?

Eu nacín no 74 e polo tanto non sei que significa esa expresión. Intentarei vivir servindo ás mulleres e homes que pidan a miña asistencia. E con isto non creo que me sobre tempo. Ademais son consciente que debo seguir estudando e formándome, porque a Verdade hai que sabela transmitir de maneira que se entenda. De feito, o único que sei facer ben é estudar, porque o levo facendo toda a vida. O estudio é fundamental para un sacerdote nos tempos que corren.

¿Que nos ensinan algúns comportamentos escandalosos que saen á luz ás veces dentro da Igrexa?

Penso que o pobo, como dixen antes, necesita sacerdotes santos. O sacerdocio non é un estatus social nin un posto de funcionario: unha persoa que cumpre un servizo con horarios, porque ninguén o reclama máis que iso. Os cristiáns laicos teñen que facerlles traballar, porque para iso nos ordenamos. Por outra banda, só deben chegar a el os que sexan chamados e se prepararan ben. Sen esquecer tampouco que a Igrexa é de Deus, pero está formada por pecadores. Por iso eu confésome todas as semanas.

¿Como reaccionaron a súa familia, amigos e colegas?

Difícil sabelo: son case todos galegos... Loxicamente todos se alegraron moito. Cando llo comuniquei á miña avoa, bendiciume coa man e díxome que era a maior alegría de toda a súa vida. Cos amigos, houbo algúns que se sorprenderon ao principio , e outros dixéronme que tirara pola borda toda a miña formación profesional de tantos anos e tan valiosa. Pero, ao ser amigos, alegráronse moito.