Mons. Asenjo propón "un sacerdote máis próximo aos homes e a Deus"

O arcebispo de Sevilla, Juan José Asenjo Peregrina, presidiu onte a XXXIII Xornada Pastoral para sacerdotes, que se celebrou no Centro de Convivencias de Olbeira, en San Miguel de Deiro, e que contou coa participación dun centenar de curas de toda Galicia.

Mons. Asenjo presentado por D. José María Santana, director da Asociación Porta do Camiño, organizadora das xornadas

Máis dun centenar de sacerdotes de toda Galicia asistiron onte á xornada pastoral celebrada no centro de Olbeira baixo o título "Fidelidade a Cristo, fidelidade do sacerdote,", e que tiña como obxectivo reflexionar acerca do labor que deben desempeñar os curas na sociedade actual.

Juan José Asenjo, arcebispo de Sevilla, clausurou o encontro cunha amena conferencia na que propuxo unha reflexión acerca da interpretación que a sociedade realiza acerca do labor do sacerdote e que nos últimos anos se afastaba dos postulados do Concilio, que demanda un cura "máis próximo aos homes e a Deus". Sobre esta cuestión afondou en que nos últimos tempos se viviron experimentos que non conducían a nada, posto que o que realmente se necesita é un sacerdote servizal e preocupado polos necesitados.

Mons. Asenjo paseano no xardín do Centro de Convivencias de Olbeira

Durante o transcurso da xornada de convivencia tamén saíu a relucir a actual escaseza de curas e neste sentido, Juan José Asenjo remarcou que as vocación saen das familias cristiás e insistiu en que é preciso que dispoñan dun medio axeitado para que poidan desenvolvelas sen presións externas de ningún tipo. Ademais, resaltou que "non hai que ter medo a que saia un fillo sacerdote", nunha clara mensaxe ás familias.

Todas estas reflexións saíron a relucir durante o transcurso dunha mesa redonda sobre a formación dos seminaristas nas circunstancias actuais, así como a necesidade da axuda da familia, das parroquias e sacerdotes.

Na convivencia, sacerdotes de varias xeracións puideron intercambiar experiencias.

Outras das cuestións na que todos os asistentes estiveron de acordo é que "a Igrexa non ten a misión de ser unha ONG", posto que a súa finalidade principal é a de "conducir a Cristo" e neste camiño "atendemos a todas as persoas necesitadas, porque a Igrexa está alí onde hai xente que sofre penurias económicas ou está enferma". Os asistentes destacaron o bo ambiente da xornada de convivencia onde sacerdotes de varias xeracións puideron intercambiar experiencias.

Diario de Arousa