Libro electrónico “50 preguntas sobre Xesús”

A Oficina de Información do Opus Dei en Galicia preparou, para descargar gratuitamente, a tradución ao galego do libro "50 preguntas sobre Xesús" en formato ePub.

O libro '50 preguntas sobre Xesús' pódese ler en calquera smartphone ou tablet con lector de ePub, ou en lectores Kindle.

Aproveitando o impulso do ano da Fe presentamos a tradución ao galego (de Mª Rosa Buceta) do documento "50 preguntas sobre Jesús", que recolle preguntas sobre Xesucristo e a Igrexa, contestadas por expertos da Universidade de Navarra . Estas "preguntas" foron descargadas máis de 3.200.000 veces desde a súa publicación na páxina web en castelán. O editor da obra, Juan Chapa, ofrece na "Presentación", que se pode ler a continuación, as claves do interese que esperta a figura de Xesucristo. O libro en papel foi editado por Edicións Rialp.

Presentación

Escribe San Mateo que ao entrar Xesús en Xerusalén toda a cidade conmoveuse e os seus habitantes dicían: «Quen é este?» (Mt 21,10). É o interrogante que se facían a miúdo quen eran testemuñas da actividade daquel Mestre de Nazaret. Case en cada páxina do evanxeo atopamos a diferentes personaxes que se preguntan algo sobre el: de onde procede, como é que ensina con tanta autoridade, de onde lle vén o seu poder, como pode facer milagres, por que parece oporse aos costumes do seu tempo, como é que as autoridades lle rexeitan? Son preguntas que se fixeron entón e que se continuaron facendo ao longo da historia.

Crentes e non crentes, cristiáns que buscan afianzar a súa fe e cazadores de escusas para ridiculizar a relixión, xentes que necesitan datos verificables para achegarse á verdade e persoas ás que lles asaltan as dúbidas non deixaron de buscar información sobre a existencia e a personalidade de Xesús de Nazaret: existiu?, sábese con certeza algo do que fixo ou dixo?, son fiables os evanxeos e os escritos cristiáns para coñecer a realidade?, conserváronse informacións auténticas acerca de Xesús en textos non cristiáns?, é posible contrastar en fontes literarias antigas -independentes das fontes cristiás- a verosimilitud do que din os evanxeos?, son os textos cristiáns obras tendenciosas que só ofrecen a versión prepotente de quen lograron impor as súas ideas pola forza?

Canal de Youtube coas preguntas sobre Xesucristo e la Igrexa

As preguntas son, desde hai tempo, máis ou menos as mesmas e as contestacións non adoitaron variar. Con todo, nos últimos anos, certos descubrimentos arqueolóxicos non só espertaron a atención dos expertos senón que suscitaron a curiosidade do gran público, presentando, polo menos aparentemente, novos datos que volvían insatisfactorias as respostas tradicionais a eses interrogantes.

Documentos escritos en papiro e pergamiño atopados nas covas de Qumrán (no deserto de Xudá), coleccións de códices achados en Nag-Hammadi ou noutros lugares de Exipto, textos cristiáns antigos relidos á luz destes descubrimentos proporcionaron unha información directa e indirecta sobre grupos marxinais xudeus ou cristiáns en épocas moi remotas -algunhas veces case contemporáneas de Xesús- e expuxeron cuestións ata agora difíciles de imaxinar.

Se ás noticias dos novos achados (que en ocasións non foron tales senón refinadas falsificacións) engadimos as interpretacións sensacionalistas sobre as figuras de Xesús, os apóstolos ou María Magdalena que aparecen case a diario en xornais, revistas ou programas de radio e televisión, atopámonos con que a necesidade de dar resposta a esas cuestións faise cada vez máis urxente.

Ademais, descóbrese que, esperto o apetito dunha curiosidade famenta, proliferan as novelas de ficción onde as orixes cristiás e os seus desenvolvementos iniciais xogan un papel esencial. Son relatos que adoitan presentar unha trama verosímil cos últimos descubrimentos (ou, polo menos, con algúns), hábilmente aderezada cunha acción trepidante.

Exemplo de resposta a unha das preguntas sobre Xesucristo e a Igrexa (en formato pdf)

Quen sabe por que, o certo é que a combinación resultou unha fórmula de gran éxito desde o punto de vista comercial e contribuíu a encher os estantes das librarías de obras curiosas.

Con todo, entre este tipo de literatura de ocasión e a recepción acrítica de informacións pseudocientíficas, creouse un ambiente de desconfianza e de sospeita cara á tradición recibida que non fai xustiza ao pasado. A liña entre a ficción e a realidade se difumina e xeneralízanse as afirmacións que nada teñen que ver coa verdade histórica.

Sexa diso o que for, o certo é que a confusión reinante, as presentacións parciais -cando non tendenciosas- dos novos descubrimentos e a sensibilidade crítica da nosa época esixen poder dispor dos datos históricos necesarios para dar respostas correctas.

Con esta finalidade escribíronse as páxinas que seguen. Trátase dun material de apoio para ofrecer información concreta e contrastable a cuestións históricas de actualidade sobre Xesús e o desenvolvemento do cristianismo primitivo. Elaborouse coa intención de proporcionar unha información sintética a unha selección de preguntas das moitas que se poden facer. As respostas non foron pensadas para especialistas, senón para toda persoa que queira atopar unha contestación concisa desde o punto de vista histórico a algúns dos interrogantes sobre estes temas que hoxe en día suscitan un especial interese.

Como poderá observar o lector, as respostas son breves e en cada unha delas poderíanse dicir moitas máis cousas. Por iso ofrécese ao final do libro unha bibliografía selecta para profundar ou contextualizar o que aquí se afirma de maneira sucinta.

Este pequeno libro é froito dun traballo en equipo. Interviñeron nel Francisco Varo , Gonzalo Aranda , Vicente Balaguer , Santiago Ausín e Juan Luís Caballero , todos eles colegas do Departamento de Sacra Escritura da Facultade de Teoloxía da Universidade de Navarra . A tarefa de coordinalo foi sumamente fácil e grata. A todos, pois, agradezo a colaboración que prestaron para poder realizala.

JUAN CHAPA (Ed.)

A tradución ao galego foi realizada por Mª Rosa Buceta.