Liberdade nos 60

Con motivo da presentación da Edición crítico-histórica de "Conversaciones con Mons. Escrivá de Balaguer"

Hai dous anos o libro Conversas con Mons. Escrivá de Balaguer foi editado en sueco. Coa nova edición, este best seller da década dos 60 está traducido en vinte idiomas. Na presentación da edición crítico-histórica do libro que La Estila organizou no Hostal dos Reis Católicos hai dez días, Covadonga O’Shea e Alfredo Méndiz contaron o que o libro supuxo no seu tempo e ten de permanente.

Publicado no 68, recolle entrevistas publicadas entre 1966 e 1968 en sete medios estranxeiros e españois. As edicións históricas perseguen axudar a entender a época en que viviu o autor.

Ata 1966 San Josemaría non tiña concedido ningunha entrevista. Como dicía, "o meu é ocultarme e desaparecer: que só Xesús se luzca". A situación da Igrexa e a responsabilidade pastoral de que Xesucristo estivera tamén nos medios de comunicación, levouno a saltar á palestra.

Eran os tempos do Vaticano II, o primeiro concilio mediático da historia. A información non chegaba polas canles orgánicas da Igrexa, senón pola prensa. Xunto ao concilio real había outro virtual. Nunha reseña dicíase que Conversas era un libro sobre a liberdade. Nel o fundador do Opus Dei fala da liberdade, concretando. De liberdade política (en España non a había), de expresión, de educación…

A palabra liberdade no libro sae ata 150 veces. Na entrevista en Le Figaro, afirmou: "defendin sempre a liberdade das conciencias. A violencia non me parece apta nin para vencer nin para convencer, o erro supérase coa oración, coa graza de Deus, co estudo; non coa forza, sempre coa caridade".

Tamén fala do Opus Dei ("non falamos de política nin preguntamos á xente que ideas políticas ten"), a cultura e a muller.

Nunha época en que a muller estaba minusvalorada, San Josemaría afirmou en Telva que "unha sociedade democrática ten que recoñecer os dereitos da muller". Contou que tiña que estar presente en todos eidos (político, económico, profesional…), coa peculiaridade da súa aportación feminina, sen deixar de lado o coidado e a educación dos seus fillos. E do marido, engadía, que moitas veces son os grandes ausentes.

Joan Ribot // El Correo Gallego, 20.04.2013