Conversacións con Mons. Escrivá en Ourense

O mércores 3 de febreiro tivo lugar a presentación da edición en galego de "Conversacións con Mons. Escrivá" no Centro Cultural "Marcos Valcarcel"

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu onte a presentación da edición en galego de Conversacións con Monseñor Escrivá de Balaguer. O acto foi presentado e moderado por Mª Antonia de la Iglesia, xefa do departamento de galego da EOI de Ourense. Contou coa intervención da tradutora do libro, Araceli Filgueira, do editor, Rafael Silva, de Valentín García, secretario de Política Lingüística e do bispo da diocese de Ourense, Leonardo Lemos Montanet.

Conversacións con Monseñor Escrivá de Balaguer foi publicada por primeira vez no último trimestre de 1968 en castelán, inglés, italiano e portugués. Posteriormente foi traducida ó francés, alemán, catalán, neerlandés, polaco e chinés, e ata a data foron impresos 350.000 exemplares. Conversacións, agora editada en galego por Follas Novas, é o terceiro volume das obras completas de Escrivá de Balaguer, e consiste nunha recompilación de sete entrevistas que concedeu San Josemaría, entre 1966 e 1968, a Le Figaro, The New York Times, Time, L'Osservatore della Domenica e ás revistas españolas Telva, Gaceta Universitaria e Palabra). En ditas entrevistas, transcríbese o texto orixinal, nas que o fundador do Opus Dei reflicte con sensatez, erudición e mestría a súa profunda experiencia humana, cristiá e sacerdotal, elucidando as calidades do espírito e a actividade do Opus Dei, amosando o seu parecer sobre diversas cuestións eclesiolóxicas e culturais. Monseñor Escrivá de Balaguer responde nesta obra con amplitude ás preguntas que lle fan sobre a Igrexa e o Concilio que acababa de rematar, os dereitos e liberdades individuais, a vida universitaria, a muller e a sociedade, o Opus Dei, etc. O libro conclúe coa homilía "Amar ao mundo apaixonadamente", pronunciada no campus da Universidade de Navarra o 8 de outubro de1967, ante 40.000 persoas procedentes de España e doutros países europeos e americanos. Esta homilía, de gran alento espiritual, enuncia de maneira clara, condensada e directa, o espírito en que se inspiran as respostas dadas polo fundador do Opus Dei nas entrevistas reflectidas neste libro.

Monseñor Escrivá de Balaguer estaba cómodo neste papel de entrevistado, porque el sempre buscou a comunicación entre a xente, cara a cara, en persoa. Nas súas obras Camiño, Forxa, É Cristo que pasa, Vocación cristiá, e sobre todo Amar ao mundo apaixonadamente, fálanos do Opus Dei como unha asociación que promove o desexo de perfección cristiá entre persoas de todas as clases da sociedade sen modificar o seu modo normal de vida, o seu traballo ou as súas metas. "O apostolado máis importante do Opus Dei, é o que cada socio realiza co testemuño da súa vida e coa súa palabra". Por outra banda fálanos do "aggiornamento" como sentimento fundamental do espírito do Opus Dei, "para min aggiornamento significa fidelidade: un marido, un soldado, un administrador, é sempre un mellor marido, mellor soldado e mellor administrador canto máis fielmente saiba facer fronte en cada momento, ante calquera nova circunstancia da vida, aos firmes compromisos de amor e de xustiza que adquiriu no seu día. Esta fidelidade delicada, operativa e constante constitúe a mellor defensa da persoa ante a vellez de espírito, a aridez do corazón e a inactividade mental". Noutra orde de cousas, fálanos do "Pobo de Deus" como expresión para nomear á igrexa e poñer así de manifesto a responsabilidade común de todos os cristiáns como única misión. "Non concibo que poida haber obediencia verdadeiramente cristiá se esa obediencia non é voluntaria e responsable. Os fillos de Deus non son pedras nin cadáveres, son seres intelixentes, libres e iguais ante a orde sobrenatural". Para Monseñor Escrivá de Balaguer, "a familia ha de ser a escola principal onde os fillos aprendan e vivan as virtudes humanas e cristiás, a familia, a gran familia humana, e cada unha das familias que haberían de compoñela, é un dos instrumentos naturais queridos por Deus para que os homes cooperen ordenadamente no seu decreto Creador, gozando dunha paz familiar estable baseada na convivencia, na comprensión e no perdón". Como ben dicía Tertuliano "se queres ser feliz un instante: vingar, se queres ser feliz para sempre: perdoa". En definitiva, unha gran obra que nos achega ao máis puro sentir do agora San Josemaría Escrivá de Balaguer, do seu máis íntima forma de pensar e no seu labor de apostolado, no que o seu fundamento principal é o de santificar a vida diaria no traballo tanto manual como intelectual e na familia, porque non se trata de aceptar un simple postulado teórico, senón o realizalo día a día no labor cotián, sempre buscando o camiño, libremente e sen prexuízos, por iso "Os netos e os avós son aliados naturais".

Fonte: Miguel Ánge Martínez Coello, Faro de Vigo

Artigos relacionados:

https://www.farodevigo.es/opinion/2016/02/04/conversacions-escriva-balaguer/1398164.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2016/02/04/escriva-balaguer-gallego/00031454531174925261931.htm

https://www.obispadodeourense.com/