Conclúe en Roma a fase diocesana da causa de canonización de don Álvaro del Portillo

O próximo xoves 26 de xuño, no Pazo do Laterano, o cardeal Camillo Ruini presidirá a sesión de clausura do proceso diocesano sobre a vida e as virtudes do Servo de Deus Álvaro del Portillo (1914-1994), bispo e prelado do Opus Dei.

Xoan Paulo II e Mons. Álvaro del Portillo.

Ese mesmo día, a Igrexa celebra a memoria litúrxica de san Xosemaría, fundador do Opus Dei.

O proceso abriuse o 5 de marzo de 2004. O actual Prelado do Opus Dei, Mons. Javier Echevarría, foi recoñecido pola Congregación para as Causas dos Santos como bispo competente para instruír a causa de canonización do seu predecesor.

Non obstante, Mons. Echevarría pediu ao cardeal Ruini que se nomease un tribunal no Vicariato da Diócesis de Roma para que recibise o seu testemuño e o dalgunhas outras testemuñas.

O resto de testemuñas foron escoitados polo tribunal da Prelatura en Roma ou por tribunais das súas dióceses de residencia.

Mons. Flavio Capucci, Postulador da causa, agradeceu ao tribunal do Vicariato o traballo desenvolvido. Con esa ocasión, recordou que en 1978, cando comezou o proceso de san Xosemaría, Mons. Álvaro del Portillo insistiu en que, ao pedir ao Papa o inicio da causa do Fundador, o Opus Dei non buscaba a súa propia gloria, senón a da Igrexa. "Hoxe -dixo Capucci- con todo o corazón facemos nosas esas palabras".

O próximo paso do proceso darase cando o tribunal da Prelatura conclúa as sesións do proceso que instrúe. Co material que ambos os dous tribunais recolleran, o Postulador elaborará a positio, que é unha biografía do Servo de Deus e un estudio de como viviu as virtudes cristiás en grao heroico.

No seu momento, o Postulador enviará a positio á Congregación para as Causas dos Santos para que sexa estudada.