Camiño de Santiago internacional

A Asociación Cultural XESTAL de Santiago de Compostela rematou en agosto o seu IV Camiño de Santiago Internacional, con participación de persoas de Hungría, Austria e España. Elixiron esta vez o Camiño Portugués.

Participantes na peregrinación da Asociación Xestal no Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago contribuíu á formación da conciencia europea. Recorrido por persoas de numerosos países ao longo dos séculos, é agora, de novo, instrumento vertebrador de Europa e testemuña das súas raíces cristiás. Neste final e principio de milenio converteuse, ademais, en punto de encontro de todas as nacionalidades do mundo. Por estas razóns foi declarado Patrimonio da Humanidade e Primeiro Itinerario Europeo.

A Asociación Cultural Xestal, consciente disto, asume como un dos seus fins a promoción do Camiño de Santiago en todo o mundo. Por este motivo promoveron no verán a súa IV edición internacional, elixindo, nesta ocasión, un tramo do Camiño Portugués. Participaron seis persoas de Hungría, seis de Austria e seis españolas e para todas foi unha gran experiencia.

Conchita Bernárdez, coordinadora do proxecto, comenta: "Fixen a Rota Xacobea 24 veces e quero seguir facéndoa...". É de Santiago e comezou a facer o Camiño en 1993, sempre por tramos galegos. "Europa fíxose peregrinando a Compostela", explica.

"É un tempo fantástico para pensar, rezar, facer amizade, falar de vagar de temas vitais...".

Eszter, de Hungría, di que foi para todas "unha aventura superintensa, con moitas sorpresas e moi enriquecedora". Erguíanse cedo para evitar a calor e pola tarde asistían a Misa nalgún pobo. M.ª Ángeles, de Austria, dicía: "era impresionante ver que, a pesar das bochas, o cansazo e o sono, todas seguiamos adiante". Mónika, de Hugría, recordaba, con Ági, que tiveron experiencias que as axudaron: "Un día perdémonos e estabamos angustiadas. Entón empezamos a ler e meditar uns puntos de Camiño , libro de san Josemaría Escrivá, que falaban da perseveranza na loita, e isto deunos forza para avanzar...; ademais, o Camiño supuxo para min un crecemento interior". Anna, tamén húngara, corroborou: "Eu aprendín a non queixarme porque cando ía facelo pensaba que os demais tamén tiñan dores e as miñas queixas non axudarían. Agás un día no que fixemos un concurso para ver quen se queixaba máis".

Moitas comentaron que "é un tempo fantástico para pensar, rezar, facer amizade, falar de vagar de temas vitais,...". Juani agradeceu moito como as trataron nos pobos por onde pasaban. Érika, austríaca, dicía: "no Camiño descubrín que axudar aos demais enche de ledicia". Inés comentou: "A min ver as demais ensinoume a afrontar mellor as dificultades da vida, a dar importancia ao que a ten, a aprender das caídas, sen lles dar demasiada relevancia, e a prever mellor as fochancas...".

Polo camiño, ás veces, ían rezando o rosario e cruzáronse con familias que tamén o rezaban. Ver a piedade de tantas persoas impresionounas e alentounas moito.