Beato Álvaro del Portillo

O beato Álvaro del Portillo naceu en Madrid o 11 de marzo de 1914, terceiro de oito irmáns, nunha familia de fonda raigame cristiá. Era doutor enxeñeiro de Camiños e doutor en Filosofía e en Dereito Canónico.

En 1935 incorporouse ao Opus Dei, fundado por san Xosemaría Escrivá de Balaguer o 2 de outubro de 1928. Viviu con fidelidade plena a vocación ao Opus Dei, mediante a santificación do traballo profesional e o cumprimento dos deberes ordinarios, e desenvolveu unha moi ampla actividade apostólica entre os seus compañeiros de estudo e cos colegas de traballo.

Moi cedo convertiuse na axuda máis firme de san Xosemaría, e permaneceu a carón del durante case corenta anos, como o seu colaborador máis próximo.

O 25 de xuño de 1944 foi ordeado sacerdote. Dende aquela adicouse enteiramente ao ministerio pastoral, en servizo dos membros do Opus Dei e de todas as almas.

En 1946 fixou a súa residencia en Roma, xunto de san Xosemaría. O seu servizo infatigable á Igrexa manifestouse, ademais, na dedicación aos encargos que lle conferiu a Santa Sé como consultor de varios Dicasterios da Curia Romana e, especialmente, mediante a súa activa participación nos traballos do Concilio Vaticano II.

PRIMEIRO SUCESOR DE SAN XOSEMARÍA

O 15 de setembro de 1975 foi elexido primeiro sucesor de san Xosemaría. O 28 de novembro de 1982, ao erixir a Obra en Prelatura Persoal, o Santo Pai Xoán Paulo II nomeouno Prelado do Opus Dei, e o 6 de xaneiro de 1991 conferiulle a ordenación episcopal.

Todo o labor de goberno do Servo de Deus caracterizouse pola fidelidade ao Fundador e á súa mensaxe, nun traballo pastoral incansable para espallar os apostolados da Prelatura, en servizo da Igrexa.

A súa entrega ao cumprimento da misión recibida, seguindo as ensinanzas de san Xosemaría, afundía as súas raigañas nun fondo sentido da filiación divina, froito da acción do Espíritu Santo, que lle levaba a buscar a identificación con Cristo nun abandono confiado á vontade de Deus Pai, constantemente alimentado pola oración, a Eucaristía e unha tenra devoción á Santísima Virxe.

O seu amor á Igrexa manifestábase pola súa fonda comunión co Papa e cos bispos. A súa caridade con todos, a solicitude infatigábel polas súas fillas e fillos no Opus Dei, a humildade, a prudencia e a fortaleza, a alegría e sinxeleza, o esquecemento de sí mesmo e o ardente afán de gañar almas para Cristo, -manifestado tamén no lema episcopal, regnare Christum volumus!-, xunto coa bondade, serenidade e o bo humor que transmitía a súa persoa, son trazos que compoñen o retrato da súa alma.

No amencer do 23 de marzo de 1994, poucas horas depois de voltar dunha peregrinación á Terra Santa -onde seguira con intensa piedade as pegadas terreas de Xesús, dende Nazaret ao Santo Sepulcro- o Señor chamou xunto del a este servo bo e fiel. A mañá precedente celebrara a súa derradeira Misa no Cenáculo de Xerusalén.

O mesmo día 23 de marzo, o Santo Pai Xoán Paulo II foi rezar diante os seus restos mortais, que agora repousan na cripta da Igrexa Prelaticia de Santa María da Paz -viale Bruno Buozzi, 75, Roma-, acompañados pola oración e mailo agarimo dos fieis do Opus Dei e de milleiros de persoas.

Foi beatificado en Madrid o día 27 de setembro do ano 2014. A súa festa celebrase o 12 de maio.