20 anos traendo nenos rusos a Galicia

Mercedes e José Manuel son un matrimonio de Ourense. Mercedes é profesora e José Manuel traballa nunha oficina bancaria. Un día de 1997 len na prensa local unha noticia sobre acollida de nenos rusos afectados polo accidente de Chernóbil e zonas declaradas como catástrofe ecolóxica. Un programa orientado á acollida de menores durante as vacacións de verán para descanso e coidado da súa saúde.

A Mercedes ilusiónalle a idea, a José Manuel non tanto... pero ao final, o entusiasmo dunha vence sobre a apatía do outro, que se ve inmerso, da noite para a mañá, nun vórtice de complicadas xestións e trámites burocráticos aos que nunca se enfrontou. En 1998 comezan os pasos previos para a acollida e, ao tempo, empezan a preparar a documentación do Programa. Daquela eramos un grupo de familias ás que nos movía a ilusión de axudar a un neno e salvar os obstáculos que se nos poñían por diante. Así comeza a historia de Ledicia Cativa, coa finalidade de facilitar a outras familias o superar os complicados trámites que leva un Programa deste tipo.

Primeira viaxe a Tula (Rusia) no año 2000. A nena do abrigo azul é Natasha.

Natasha, a primeira ledicia

No verán de 1998 coñecen á que será a súa nena de acollida. Chámase Natasha, ten 8 anos, é da rexión de Tula, onde vive nunha casa de nenos privados da tutela familiar. “A Natasha parece que lle caemos ben, móstrase connosco alegre e afectuosa, é unha nena boa e obediente. A nosa casa rezuma alegría por todas partes, todo xira ao redor de Natasha: desde o comezo do día, as comidas, clases de español, xogos, piscina...”.

Transcorrido o verán, Natasha tiña que regresar a Rusia. “Con ela ía un anaco do noso corazón, da nosa vida. Agora tocaba volver á rutina de cada día pero o pensamento volvía unha e outra vez a Natasha: como estará?, iralle ben?... chamabámola por teléfono: para ela era toda unha sorpresa e para nós facela feliz enchíanos de alegría.”

Esta foto tomada en A Toxa, corresponde á primeira viaxe de Natasha a España a finais de agosto de 1998.

610 nenos en 20 anos

"A xenerosidade sempre ten premio. Ao principio parecíanos que eramos nós os que estabamos a facer un favor aos nenos (segundo a OMS dous meses nunha contorna saudable aumenta en 2 anos a súa esperanza de vida), pero a realidade era ben distinta, moito máis rica... Ao final os grandes beneficiados son os propios membros da familia de acollida, tanto os pais como os fillos. No noso caso, Natasha achegounos moitas máis ledicias das que nunca soñariamos".

Pasaron os anos e foi aumentando o traballo. “Eu non quería meterme neste batifondo, pero non podiamos deixar de facelo, viamos o ben que se facía aos nenos e ás familias de acollida e decidimos seguir complicándonos a vida.

A formación que recibimos no Opus Dei axudounos a seguir traballando e a continuar involucrados neste proxecto ano tras ano. Bríndanos a oportunidade de coñecer a moitas familias, xenerosas e alegres, de facer actividades xuntos...".

"Pasaron xa 20 anos, e participaron 610 nenos neste Programa de acollida grazas a Ledicia Cativa... creamos moitas amizades, aprendemos dunha cultura distinta... Complicámonos a vida, si, pero pagou a pena... foron tantas as ledicias cativas!" .

Agradecemos á Fundación TIC (Lugo) as imaxes cedidas.